O Craega asistirá a BioCultura da Coruña o vindeiro mes de marzo

Craega participa habitualmente neste grande encontro de produción ecolóxica

BioCultura da Coruña celebrarase do 4 ao 6 de marzo na ExpoCoruña. No evento estarán presentes unha vintena de empresas que contan coa certificación do Craega. A cita estará marcada polas condicións sanitarias derivadas da pandemia.

Trátase da primeira feira de ecoturismo dentro de BioCultura, que xa ten un percorrido de éxito. Por iso, as administracións galegas reaccionaron de forma positiva e a feira conta co apoio da Xunta de Galicia, o Craega, a Deputación da Coruña, o Concello, Turismo Coruña e o Clúster de Turismo de Galicia, entre outros que seguro que se sumarán. Esta é unha oportunidade para Galicia que aposta por un turismo de calidade.

A directora, Ángeles Parra, afirma que esta nova edición ampliará a gama de posibilidades que lle ofrece ao público e será unha aposta polo ecoturismo. A cita cambia algunhas das súas dinámicas e, segundo Parra, o obxectivo é chegar á mesma xente de toda a vida, pero tamén sumar novos públicos. “O visitante poderá atopar o ámbito “biocultureiro” de sempre máis unha notable aposta polo sector do ecoturismo, no que Galicia é clave”.

En canto ás actividades, haberá seccións dedicadas ao sector “eco” e os seus mundos e toda unha serie de propostas centradas principalmente no ecoturismo. Haberá degustacións de produtos da zona, así como de receitas tradicionais e tamén se presentarán actuacións de grupos emerxentes de folk, conferencias sobre ámbitos patrimoniais e territoriais e debates sobre agricultura e gandería ecolóxica, extensiva e local vinculadas á tradición cultural de cada zona.

En canto á gama que ofrecerán, Parra afirma que é unha “paleta de posibilidades moi ampla. Imos ter expositores que serán casas rurais con certificado e hoteis urbanos nos que se cumpren todos os requisitos ambientais, ademais de ofrecer produtos ecolóxicos na súa carta…”. En definitiva, a directora afirma que haberá de todo, pero sempre en ecolóxico.

Información de VidaSana