fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

XORNADAS FORMATIVAS ORIENTADAS Á PRODUCIÓN ECOLÓXICA

O vindeiro mes de setembro impartiranse as xornadas de “Mellora das superficies extensivas para a produción ecolóxica mediante o uso da metodoloxía de liña clave e técnicas de permacultura”

Horario: 25-26 setembro, 09:30 a 19:00

Lugar: Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos.

Descargar a folla de inscrición

Aprender as ferramentas de rexeneración do solo permite comprender a importancia do deseño para a captación, almacenamento e xestión óptima das augas pluviais, manexo do gando e vixilancia das parcelas para asegurar a súa viabilidade e a produtividade destas terras, e así lograr unha base de soporte humano que vaia máis aló da sustentabilidade. Sendo a auga o elemento máis importante dentro de todo proxecto agronómico e de calquera desenvolvemento humano, o estudo detallado da xestión hidrolóxica dun terreo é indispensable para desenvolver unha agricultura ou gandería permanente a longo prazo.

No curso explicaranse as condicións indispensables para rexenerar o solo,“ler” a topografía natural da paisaxe e utilizar a súa forma e contorno para determinar o deseño e posición de represas, gabias de infiltración, desaugadoiros, áreas de irrigación, camiños, valos, cortellos, currais, casas e liñas de árbores. Analizarase a utilidade das curvas de nivel e as curvas a desnivel e aprenderase a marcalas no terreo a través dunha práctica de campo.

Durante o curso realizaranse prácticas de campo co uso de instrumentos de precisión topográfica como o nivel láser (para o deseño de propiedades a gran escala), así como o uso de instrumentos tan sinxelos como o nivel de mangueira (para propiedades a pequena escala).

Ademais, demostrarase o uso do apeiro Yeomans (se fose posible), co que se poderán ilustrar os patróns “Keyline” de cultivo, así como os beneficios deste tipo de apeiro, co cal é posible cultivar a terra sen volteala, descompactala, eliminar malas herbas, inxectar microorganismos directamente á terra, sementar e aplicar compost, todo cunha soa pasada do tractor.

O apeiro Yeomans ara a terra en profundidade rompendo a compactación, pero sen voltear a terra na superficie: esta é a clave para restaurar solos degradados e incrementar a profundidade do solo fértil, que é capaz de fixar grandes cantidades de carbono estable.

Os participantes neste curso adquirirán unha visión ampliada do que significa a agricultura rexenerativa, isto é, a produción de alimentos sans para todos; de forma que se incremente a soberanía alimentaria e a rendibilidade para os produtores. Tamén adquirirán as ferramentas para analizar a topografía dun espazo, definir puntos e liñas clave, así como deseñar espazos fermosos que poidan reter auga, construír un solo fértil, capturar carbono, reducir gastos e multiplicar producións.

O patrón de plantación marcará a diferenza entre un espazo que perde solo fértil coa escorrentía cada vez que chove e outro que aproveita cada pinga para aumentar a súa fertilidade e polo tanto a súa produtividade.

Curso dirixido a agricultores, gandeiros, silvicultores, técnicos agrícolas e, en xeral, a xestores de terreos públicos ou privados, asesores e técnicos da Administración.

O curso será impartido por Jesús Ruíz, experto en deseño de parcelas con liña clave con manexo hidrolóxico, ademais de ser topógrafo e formador en agroecoloxía.

Programa

Martes e mércores, 25 e 26 de setembro 2018

Horario: 9.30 h – 19.00

Sesión 1. Introdución. O solo como organismo vivo. O problema da erosión e o estrés hídrico.

Sesión 2. Introdución á topografía.

Sesión 3. Prácticas de campo. Introdución aos tipos de niveis: nivel de man, bunyipou mangueira, láser.

Trazado de curvas a nivel con nivel de mangueira. Trazado con nivel láser. Equidistancias entre curvas de nivel.

Como crear un mapa cun GPS de man ou Smartphone e un nivel láser ou de mangueira.

Sesión 4. Práctica de campo. Introdución á liña clave, curvas a desnivel.

Sesión 5. Introdución ao Keyline, a escala de permanencia.

Sesión 6. Maquinaria para a rexeneración de solos. Exemplos de deseños en España e Portugal

Sesión 7. Práctica de deseño, estudo de planos topográficos. Práctica de deseño, decodificación de terreos e determinación de liñas clave. Deseño de terreos, asignación de áreas de captación con madeirables, infiltración con froiteiras, rega con cultivos anuais e aproveitamento con autóctonas. Deseño de viñedos e outras leñosas.

Sesión 8. Entrega de deseños, preguntas e respostas.

Inscricións no teléfono 982 40 53 00, no fax 982 41 60 30 ou no correo electrónico craega@craega.es antes do día 21/09/2018, debendo xuntar o formulario que se achega. No caso de inscrición telefónica, debe presentar o formulario orixinal asinado o día da xornada.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.