fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Sete agasallos ecolóxicos para triunfar no Nadal

Febre consumista? Excesos? Estrés? Lonxe dos tópicos de sempre, o Nadal é sinónimo de compartir cos máis achegados. Imponse cada ano ao peche do calendario para obrigar a uns e outros a botar o freo e pasar tempo cos seus. O intercambio de agasallos vén de antigo. A súa orixe ten que ver precisamente co feito de compartir presentes con familiares e amigos como desexo de boa fortuna. Pero certo é que máis dunha vez supón un quebradeiro de cabeza. Acertar e ser orixinal non resulta sinxelo e, coa sobreoferta que hai no mercado, a elección complícase aínda máis. No Craega imos darche pistas para saír do apuro. Coincidindo con estas datas, algúns dos nosos operadores sacan á rúa edicións especiais. Son produtos respectuosos co medio ambiente e co selo de garantía do Consello. Así que, se queres atinar, escolle agasallos ecolóxicos:

  1. Cesta de Caurelor. Especializada na manufactura de produtos naturais, en particular da castaña, a empresa de Quiroga (Lugo) deseñou ata cinco cestas de Nadal para levar á mesa durante as festas. Na súa proposta non faltan estrelas do seu escaparate como as marmeladas de cabaza ou de pexego e as castañas en almíbar. Tamén se inclúen aportacións doutros operadores como sidra ecolóxica de Ribela ou cervexa de sabugueiro de Carabuñas.
  1. Ecocestas de Bioselección. A empresa con sede na Coruña lanza cestas e lotes de Nadal compostos por produtos bio e galegos. O abano de posibilidades é moi amplo: marmeladas, meles, almíbares, cafés, chocolates, infusións, cremas de castaña, artigos gourmet… Ademais de empregar embalaxes respectuosas co medio ambiente (só papel e cartón), a firma ofrece ás compañías a opción de personalizar os paquetes coa súa propia imaxe corporativa. Como complemento, Bioselección dispón de cestas de lotes con produto bio e de comercio xusto.
  1. Cesta de Arqueixal. De Palas de Rei (Lugo) chega outra selección de produtos para deleitar ao padal nestas datas. Os queixos de elaboración artesanal –cremoso e de Nabiza-, o eco iogur natural feito a partir de leite ecolóxico de vaca e o leite pasteurizado –sen químicos e sen pesticidas- son os protagonistas desta cesta pensada para poñer o mellor sabor ao Nadal.
  1. Pack de Alicornio Organic Spirits. A firma de Sarreaus (Ourense) promove dous packs especiais en caixa de madeira rústica. Con dúas botellas de 50 cl., no primeiro pódense combinar licores tradicionais ecolóxicos (licor café e de herbas; ou oruxo Albariño e de herbas) e de froitas (laranxa con herba luísa e  arandos con xenxibre; laranxa con herba luísa e framboesa con menta; framboesa con menta e arandos con xenxibre). Confeccionada con tres botellas de 50 cl., as opcións para o segundo pack son as seguintes: licores tradicionais (de herbas, oruxo Albariño e licor café) e de froitas (laranxa con herba luísa, arandos con xenxibre e framboesa con menta).
  1. Panettone do Muíño da Espelta. Desde Mos (Pontevedra) xorde unha das propostas máis singulares das festas: o panettone eco de espelta. Elaborado con masa nai rechea de chocolate e laranxa caramelizada, hai dous formatos diferentes: tamaño grande (700 grs.) ou paquetes de tres unidades (90 grs. cada un).
  1. Viño de Corisca. As adegas ecolóxicas de Tui (Pontevedra) tamén dispoñen dun agasallo especial para as festas do Nadal. Cunha embalaxe propia destas datas, inclúe dúas botellas de Albariño 100% ecolóxico. Pioneira na elaboración desta variedade, a produción desta firma vén de viñedos propios e a vendima realízase manualmente. O viño chama a atención pola súa frescura, así como polo seu sabor equilibrado que lembra a diferentes froitas.
  1. Edición especial de Maruxas de Nata. As galletas de San Sadurniño (A Coruña) sacan ao mercado un orixinal envase coincidindo coas festas. Edición limitada, a lata foi deseñada desta vez polo artista galego Leandro Lamas. A que leva a sinatura do pintor e ilustrador de Narón non é máis que o arrinque dunha serie que, con continuidade anual, irá poñendo un toque singular á presentación das Maruxas de Nata. Para iso, a empresa contará coa colaboración de creadores de diferentes eidos do mundo das artes e das letras.

 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.