fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

O presidente do Craega salienta a boa saúde da agricultura ecolóxica na inauguración da VIII Reunión de Primavera da SGPF

Francisco López Valladares, presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), foi o encargado, xunto a José Manuel Pérez (alcalde de Melide) e a Isabel Gómez (presidenta da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes [SGPF], xerente da firma Traloagro e socia do Craega), de inaugurar a oitava edición da Reunión de Primavera da SGPF, que se desenvolve hoxe e mañá no Centro Multiusos do concello coruñés de Melide, co tema central “A gandería ecolóxica cara ao ano 2030”.

A rolda de intervencións comezouna a presidenta da SGPF, Isabel Gómez, quen lles deu a benvida a todos os asistentes e agradeceu a colaboración de todas as entidades implicadas, entre as que se atopan a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) e o Craega.

Tras os agradecementos do alcalde de Melide por elixir o seu concello para a organización destas Xornadas, tomou a palabra Francisco L. Valladares, o presidente do Craega, quen incidiu en que, pese a algúns atrancos sucedidos nos últimos anos (como a Guerra de Ucraína ou a pandemia), a agricultura ecolóxica certificada en Galicia goza de moi boa saúde e vai polo bo camiño. Valladares recordou ante o público presente a importancia de decidirse por un modelo de produción ecolóxica e máis sostible, porque non podemos deixar de ter en conta a situación climática actual -advertiu-, e temos que pensar que mundo lles queremos deixar ás xeracións futuras. Finalizou a súa intervención dando as grazas por convidar o Craega a este acto.

Tras a apertura oficial, a primeira charla correu da man de Manuel Cancio, director técnico do Craega, quen centrou a súa exposición na “Evolución e características da produción gandeira ecolóxica en Galicia”. Despois de darlles a coñecer aos asistentes cales son as bases principais que constitúen o Consello Regulador, enumerou algunhas das principais novidades que se han de ter en conta no novo regulamento, en vigor dende o 1 de xaneiro de 2022, coma son a certificación de coellos e de cervos, así como a da la e outras peles animais en bruto para a elaboración de prendas de vestir. A seguir, salientou algúns outros cambios específicos que atinxen á gandería, coma o feito de que o 70 % da alimentación ten que proceder da propia explotación a partir de xaneiro de 2024, ou a redución do 25 % da alimentación en conversión, esta última xa vixente. Outro dos puntos a ter en conta citados polo director técnico do Craega son a prohibición expresa do atado dos animais cando non superen os 50 animais adultos, ou a obriga de que na súa fase final de engorde han de ter acceso ao exterior.

Finalmente, Cancio amosou unha serie de gráficas coas que ilustrou a evolución do sector: animais de vacún, de carne, reprodutoras, ovino, caprino… ; volume de negocio de carne e derivados, e leite e derivados, e o volume de certificación de carne e leite de vacún con base nos últimos anos (período de 2015 a 2021/2022). Tanto no que se refire ao volume de negocio coma ao de certificación valorou positivamente a evolución á alza, unha tendencia xa habitual no sector eco en Galicia.

A media mañá, Ana Corredoira, bióloga e gandeira de Palas de Rei e vogal do Consello, impartiu a conferencia titulada “Leite e derivados ‘da granxa á mesa’”, coa que puxo o foco na importancia das orixes e da tradición á hora de ter en conta o seu modelo de negocio, no que lle dá unha importancia fundamental ao peche do ciclo dende a propia explotación e insistiu: “Non cómpre deslocalizar a transformación se a produción está aquí, temos que botar man do desenvolvemento tecnolóxico e aplicalo ao sector primario, a nosa orixe marca o noso futuro”.

Así mesmo, reivindicou a presenza feminina neste sector: “Queremos situar o papel das mulleres e da gandería no mapa”. Corredoira continuou a súa intervención achegando información sobre as características da cooperativa e da parte industrial do negocio, e tamén aludiu ás fortalezas e feblezas ás que se debe enfrontar polo feito de desenvolvelo nunha aldea que conta con tan só seis habitantes.

Ao longo do día de hoxe terán lugar varias charlas e debates da man de gandeiros, técnicos e investigadores sobre os retos de futuro deste sector de cara ao ano 2030. Mañá sábado 6 será unha xornada práctica, na que os participantes visitarán na zona de Melide e Arzúa varios exemplos de produción e transformación de carne e leite ecolóxicos.

 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.