fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

O presidente do Craega reúnese coa plataforma de produtores ecolóxicos de Galicia para falar do futuro da agricultura ecolóxica

O presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), Francisco López Valladares, reuniuse coa plataforma de produtores ecolóxicos para recoller as súas reivindicacións.

No transcurso do encontro transmitiulles os acordos alcanzados co conselleiro do Medio Rural, José González, para as axudas á agricultura ecolóxica nos vindeiros anos, os cales cualificou de moi positivos ao conseguir unha subida do 130 % en relación o presuposto previsto inicialmente para 2023 para o fomento da agricultura ecolóxica, o que significa unha dotación de 9 millóns de euros anuais, ata un total de 45 millóns de euros para o período da Política Agrícola Común (PAC) para os anos 2023-2027.

Tamén valorou de xeito positivo o incremento en 3,5 millóns máis anuais da partida de extensificación das explotacións gandeiras, dentro das axudas agroambientais. Esta liña de achegas tamén contén un complemento de 1,5 millóns para o pastoreo en concellos con presenza do lobo.

Na reunión, os produtores aproveitaron para expoñerlle ao Craega algunhas propostas de mellora de cara ao seu traballo conxunto, entre as que salientaron que o Consello debe aumentar o seu labor de promoción dos produtos ecolóxicos para mellorar a comercialización.

 

 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.