fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

O Craega pecha 2020 superando os 108 millóns de euros en volume de vendas certificadas

De esq. a dta, Javier García (secretario), Francisco López (presidente) e José Luis Cabarcos (director xeral da Agacal)

Hoxe fixemos pública a  Memoria anual cos datos estatísticos correspondentes a 2020 nun acto celebrado no pazo de Quián (Sergude, Boqueixón). Na cita estiveron presentes o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, xunto co presidente e o secretario do Craega, Francisco López e Javier García.

O presidente do Consello destacou que a pesar da pandemia, foi un bo ano para a agricultura ecolóxica

 

O presidente do Consello foi o encargado de abrir a sesión falando de que “ 2020, a pesar da pandemia, foi un bo ano para a agricultura ecolóxica e estes datos que recollemos son un pouco excepcionais”. Un dos datos que máis salientou foi o volume de produtos certificados e nese eido lembrou o compromiso que adquirira co conselleiro de Medio Rural hai un ano. “Marcamos o obxectivo de superar no 2020 os 100 millóns de euros, pois chegamos aos 108 millóns de euros”, apunta.  En canto ao incremento de número de operadores, incidiu que vai a seguir en aumento, “o crecemento do sector ecolóxico está medrando e agardamos que para o vindeiro ano os datos sexan mellores”. Para concluír na súa intervención agradeceulles aos consumidores dos produtos ecolóxicos galegos, “na miña curta experiencia, cando falas de Galicia é recoñecida polos seus produtos”. E engadiu que “desde o Craega queremos achegar o noso grao en coidar o medio ambiente e a saúde; por iso queremos traballar nesa liña, para ter unha Galicia máis sostible”.

Javier García debullou os datos que se recollen na memoria, empezando polos da superficie ecolóxica, que nunha década medraron un 126 %, ata acadar as 32.055 hectáreas. As provincias interiores de Lugo e Ourense acaparan o 82 % do total de superficie inscrita en agricultura ecolóxica: Lugo concentra máis da metade (52,6 %) da superficie, con 16.854 ha e Ourense é a provincia que máis medra respecto do 2019, 773 ha (9.404 ha totais). A única provincia que reduce é Pontevedra, -4.047 ha e quédase en 2.096 ha. García explica que isto foi debido, principalmente, “a que se deron de baixa dúas comunidades de montes”. Nas terras arables, resaltou que “o pasado ano había un déficit nas hortalizas frescas; porén, agora contamos con 215,8 ha, o que supón un 73,25 %”.

En canto aos operadores, 2020 péchase con 1.310 inscritos, un 10,83 % máis que o ano anterior. O sector galego ten dous polos territoriais: a provincia de Lugo leva o peso da produción con 369 operadores e a de Pontevedra o da industria, con 122. Cabe incidir en que os elaboradores case se cuadriplicaron na última década e hoxe representan o 25,8 % dos inscritos. Nos produtores, un dos datos máis importante é que, con 158 operadores, as provincias atlánticas concentran a totalidade da actividade acuícola, representando o 16 % dos produtores primarios.

Os lácteos seguen a ser o produto estrela en canto ao volume de vendas en ecolóxico

 

No volume de vendas, García explicou que se viu incrementado polo crecemento das empresas elaboradoras. O 2020 pechouse con 108.366.111 de euros e certificáronse 15,58 millóns de euros máis que o ano 2019, pese a pandemia. A produción animal leva o peso do Craega no que se refire ao volume de vendas certificadas. Con 63,12 millóns de euros, supón o 58 % do volume de vendas certificadas. A Coruña destaca como a provincia que máis medra en facturación. Despediu 2020 cunha cifra de 27,2 millóns de euros, un 30 % máis que no exercicio anterior.

Á marxe do leite, os ingresos do sector eco galego apóianse nas carnes (15,28 millóns de €), conservas de peixe (14,3 millóns de €) e nos ovos (7,8 millóns de €) como principais producións por volume. Ademais, esperta a produción vexetal, cun crecemento nos tubérculos, recolleita silvestre e na horticultura que tanto demanda o consumidor galego.

José Luis Cabarcos salientou que medrar nun ano complexo é unha mostra da aposta do consumidor cara ao consumo responsable

 

Para pechar o acto, o director de Agacal felicitou o Craega polos bos resultados obtidos. “En Agacal hai 36 selos de calidade que son 36 oportunidades para mellorar o sector produtivo con calidade diferenciada dentro de Galicia, o máis relevante é como medran estes selos e un deles é o do Craega, que para nós é moi interesante”. Engadiu que “cando falo das máis de 30.000 hectáreas que se están certificando polo Craega no único que penso é que hai unha oportunidade para medrar, xa que hai moita terra abandonada que é susceptible de convertela en ecolóxica”. En canto ao valor certificado, Cabarcos incidiu en que “medrar nun ano complexo é unha mostra da aposta do consumidor cara ao consumo responsable” e engadiu que a calidade dos produtos de Galicia é incuestionable e “asociar Galicia ao Craega e a ecolóxico é unha aposta importante”.

Memoria 2020

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.