fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

O Craega organiza unha xornada divulgativa para abordar as oportunidades eco certificadas en Galicia

Co gallo do 25 aniversario do Craega como órgano de control e certificación da produción ecolóxica galega, faise indispensable a realización dunhas xornadas presenciais para analizar as experiencias pasadas, compartir os bos datos de produtos certificados en ecolóxico e estudar a xestión do crecemento que o sector vivirá nos próximos anos.

Por iso, baixo o lema “Craega: 25 anos crecendo co sector ecolóxico galego”, o vindeiro xoves 1 de decembro terá lugar no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo unha xornada divulgativa na que se fará  balance e se analizarán as oportunidades da produción ecolóxica na nosa comunidade. 

UN PROGRAMA CARGADO DE PROPOSTAS

Ás 10:00 horas, abrirase o evento coa inauguración a cargo do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos.

A continuación, José Miguel González, xefe da área de Produción Ecolóxica no Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), tratará a situación da produción ecolóxica en España e mostrará elementos de futuro. Seguiralle Manuel López Luaces, xefe de Área de Formación, Innovación e Investigación Agraria na Agacal, coa súa charla “A I+D+i ao servizo do sector agrario”.  

Logo terán lugar dúas charlas que se centrarán na oportunidade para a produción eco que ofrece a compra pública. Nesta área falarán Josefina Irles, xefa de sección de Dietética e Xestión de Hostalería no Hospital Xeral de Valencia, co relatorio “Alimentación ecolóxica no Hospital Xeral de Valencia”, e Rocío García, secretaria da asociación Slow Food Compostela, que tratará a campaña “Come Local” como un exemplo galego de xestión viable nos comedores escolares.

Tras unha pausa, mostraranse dous exemplos de éxito dentro do sector: DaVeiga, con Xosé Lois Lamazares, e Casa Grande de Xanceda, con Guillermo Martínez. Finalmente, celebrarase unha mesa redonda moderada por Manuel Cruz, director dos programas O Agro e Labranza da CRTVG, que xirará ao redor do emprendemento en ecolóxico, con experiencias, retos e ideas. Intervirán José Manuel Vázquez, socio de Burgo do Negral; Paula Bernárdez, directora de Mieles Anta; José Luis Vaz, xerente de Verín Biocoop, e Rocío Freire, directora de Produción de Alibos Galicia.

Para poñer o broche final, o presidente do Craega, Francisco L. Valladares, clausurará a cita.

Todas as persoas interesadas poden inscribirse cubrindo o formulario antes do 29 de novembro. 

Ler programa completo

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.