fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

O CRAEGA dona o premio Aresa a entidades de interese social

premio Aresa

Silva Rodríguez, esquerda, José Armando Tellado, Montserrat Valcárcel Armesto, José González, Antonio López, Francisco López Valladares e Álvaro Rodríguez Eiras (Foto: Aresa)

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) donará o importe íntegro do premio Aresa a colectivos de interese social. Cos 10.000 euros en metálico do galardón, fondos propios e a colaboración de empresas do sector, o Consello fará chegar produto certificado a diversas entidades e institucións que destacan especialmente polo servizo que prestan á sociedade.

Así o anunciou este venres 29 de marzo Francisco López Valladares, presidente do CRAEGA, no auditorio da Facultade de Veterinaria (Lugo) coincidindo co acto de entrega do galardón. A cita estivo presidida polo reitor da Universidade de Santiago (USC), Antonio López Díaz; o conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez; e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras.

Este premio pertence aos máis de mil operadores que integran a familia do CRAEGA. Tedes que saber que este premio é voso. Porque cada día vos erguedes para loitar polo rural galego e facer deste país un mellor sitio para vivir”, recalcou Valladares durante a súa intervención. Desde o Consello “sempre defendemos, e seguiremos defendendo, que a certificación sexa pública. É a mellor opción para empurrar ao sector porque é un modelo de prestixio, garantista, participativo e xusto”, argumentou.

Valladares aproveitou para lembrar que o selo do CRAEGA acredita as propiedades nutricionais dos alimentos, pero tamén constata que ese produto foi elaborado de xeito “sostible, respectando as condicións medioambientais, o benestar animal e, por suposto, favorecendo a biodiversidade”.

GARANTÍA DE CALIDADE. Na mesma liña se pronunciou o presidente do grupo Aresa, empresa impulsora do galardón xunto coa USC. O selo do Consello “rompe definitivamente coa falta de rigor que existiu neste senso no pasado”.

O grupo Aresa comercializa dende hai tempo produtos ecolóxicos e, en palabras do seu presidente, “a agricultura e a gandería ecolóxicas forman parte dunha nova realidade do noso sector, teñen un gran porvir e convivirán coa produción convencional de maneira necesaria. Débese combater o debate enfrontado entre as dúas formas de producir, ambas son absolutamente necesarias, distintas e complementarias para dar resposta ao reto de alimentar a poboación mundial”, explicou durante a súa intervención.

O conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, felicitou ao CRAEGA polo recoñecemento recibido e fixo fincapé en que “xoga un papel fundamental na expansión da agricultura ecolóxica”. Este modelo de produción -continuou- é “a agricultura do futuro pola súa oferta de produtos sans e saudables, de máxima calidade e concienciada coa nosa contorna”.

O reitor da USC, Antonio López Díaz, clausurou a gala agradecendo ao público a súa presenza e dando os parabéns ao  Consello polo premio. Aproveitou tamén para destacar o labor de todas as candidaturas que se presentaron a esta edición, pois “son todas un gran exemplo da posta en valor do rural”, dixo.

22 ANOS DE HISTORIA. O CRAEGA  é o órgano encargado do control e da certificación da agricultura ecolóxica en Galicia. Naceu en 1997 e comezou a súa actividade coa certificación de producións vexetais. Foi nos anos 2000-2001 cando ampliou o seu labor á produción animal e xa no 2010 incluíu a acuícola, pois tamén certifica produtos de pesca, como o mexillón ou a extracción sostible das algas.

O xurado tivo en conta para facer ao Consello merecedor deste premio tres argumentos: lograr que a agricultura ecolóxica sexa un dos motores do desenvolvemento rural, cunha especial resposta á demanda de consumo en Galicia; defender un proxecto de control e regulación da produción de maneira multisectorial, e lograr que a agricultura ecolóxica sexa unha das causas principais para a maior implantación de mozos no mundo rural e agrario.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.