fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

O Craega consolida a súa presenza en Biofach despois de case dúas décadas

Biofach 2019-Craega

Trece empresas do Craega participaron en Biofach 2019

Despois de case dúas décadas participando con stand propio, o Consello consolida a súa presenza en Biofach. Pechada días atrás en Núremberg, á última edición sumáronse 13 empresas certificadas, a cifra máis elevada desde que o Craega aterrara por primeira vez no encontro en 2000. Feira líder mundial de alimentos ecolóxicos, ata Alemaña viaxaron Connorsa, Conservas Orbe, El Nogal, Jamones González, Galletas Daveiga, Mieles Anta, Pazo de Lusío, Orballo, Porto-Muíños, Produto de Aldea, Green Mixology, The Bio Factory e Coraçai.

Durante catro xornadas, os representantes das empresas aproveitaron para visitar compradores e provedores de produto, reforzar as súas relacións internacionais e establecer novos contactos comerciais, cuxos froitos se verán materializados probablemente ao longo dos vindeiros meses. Distribuidos nun stand de 110 m2 (pavillón 5), cada posto serviu de escaparate para amosar o produto a potenciais clientes. Ata o certame achegouse unha delegación da Consellería de Medio Rural presidida polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez. Durante o percorrido, acompañouno Javier García Lozano, secretario do Craega. Esta acción levouse a cabo co apoio da Xunta e da UE. Pola súa banda, o Igape subvencionou as viaxes e o aloxamento de parte dos expositores.

En marcha desde 1990, Biofach é a maior feira de produción ecolóxica do mundo. Na 30ª edición -celebrada entre o 13 e o 16 de febreiro- achegáronse ao Messezentrum máis de 51.500 persoas (o 50% internacionais), segundo o balance facilitado pola organización. Ademais de Alemaña, no top 5 de visitantes atópanse Italia, Austria, Francia e España. Nos 10 pavillóns habilitados para Biofach e Vivaness –o salón de cosmética natural-, déronse cita 3.273 expositores de 98 países.

A de Núremberg abre o calendario de feiras do Craega para 2019. En abril, está previsto que cinco operadores se despracen a Londres para expoñer en Natural & Organic Products Europe. Xa en España, probablemente haberá stand agrupado en Biocultura (Barcelona e Madrid) e en Organic Food Iberia.

[rl_gallery id=”1491″]

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.