fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Cocido reinventado e viños ecolóxicos do Craega en Xantar 2019

O Craega vén de poñer sabor ecolóxico a Xantar 2019. Os asistentes á cata de viño organizada o mércores 6 de febreiro na Aula Medio Rural tiveron a oportunidade de degustar un albariño eco da D.O. Rías Baixas mentres escoitaban as explicacións de Natalia Rodríguez, xerente de Adegas Corisca. Os participantes tamén puideron probar outra variedade certificada polo Consello, neste caso da D.O. Ribeiro. De contar os seus matices ocupouse Diego Diéguez, que está á fronte de Cume do Avia.

Para acompañar os caldos, o chef monfortino Martín Mantilla presentou na cidade das Burgas un cocido reinventado tanto no seu formato como nos ingredientes empregados. Elaborado a base de produtos ecolóxicos, de primeiro serviu un milfollas de lacón de porco celta con crema de queixo e pemento. Con cachucha, chourizo e garabanzos montou bombas de verdura sobre unha cama de puré de pataca. Para rematar, engadiu unha salsa con aceite de oliva e pemento. Tamén típico destas datas, o postre era unha filloa rechea de crema pasteleira.

Durante o transcurso do acto, Javier García Lozano, secretario do Craega, lembrou que o sector ecolóxico galego goza dunha excelente saúde. O Consello pechará o exercicio 2018 cunha facturación récord por riba dos 80 millóns de euros. Cuns ingresos de entre 20 e 25 millóns de euros, o lácteo é o subsector con máis peso. Certo é –recalcou- que o porco certificado, protagonista dos pratos de Entroido, é un produto novidoso que está a incrementar as vendas de forma importante nos últimos tempos.

A feira internacional de turismo gastronómico Xantar celebra este ano a súa vixésima edición. Permanecerá aberta ata o domingo 10 de febreiro. De periodicidade anual, conta coa cooperación de diferentes administración públicas e empresas privadas. O seu obxectivo é poñer en valor os produtos agroalimentarios a través de representantes do sector e chefs de renome.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.