fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Árbore, Consumo Consciente, moito máis ca unha tenda

Abriron en Vigo hai vinte anos e na actualidade son unha cooperativa conformada por cinco traballadoras con máis de 300 familias asociadas. Ademais da súa actividade como tenda de proximidade, que proporciona produtos ecolóxicos vexetarianos de alimentación, fogar, hixiene, cosmética… a socias e clientas, danlles cabida a outras iniciativas como a organización de obradoiros de cociña.

En Árbore sempre se pode atopar unha gran variedade de alimentos frescos, tanto de horta como de gandería (lácteos), e produtos a granel, tentando que todos sexan próximos dentro do posible. Así mesmo, nos lineais do seu establecemento locen os produtos co selo da certificación eco, porque en definitiva “tendemos a apoiar a calquera proxecto interesante nado en Galicia, especialmente se hai unha filosofía sostible e social detrás”. 

Segundo o seu criterio, os produtos de orixe ecolóxica son cada vez máis coñecidos polo gran público e inciden na  parte negativa que iso ten, xa que “as grandes superficies están a apostar tamén por este tipo de produtos, pero sen mudar as súas prácticas abusivas cos agricultores e fabricantes, co risco de precarizar o sector”.

O perfil do cliente que se achega a ese local é muller de mediana idade e con certo poder adquisitivo.

Árbore traballa en rede promovendo a economía social, como o reflicte o feito de que sexan membros de Fiare Banca Ética, Coop57, Nosa Enerxía, REAS, Ideas ou Som Energia, entre outras.

CONTACTA!

Atoparalo en Vigo, na rúa López Mora, 30 baixo (CP 36211),  a 100 metros da praza da Independencia.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.