fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

A despensa de mexillón bio está en Galicia

Con 2.500 km de costa, Galicia é líder absoluto en acuicultura bio de España. O monopolio recae na ría de Arousa, a máis extensa do Estado. Salvo unha mínima porcentaxe procedente da ría de Aldán (Cangas do Morrazo), dese labirinto escarpado de illas e arrecifes saíron as 3.124 toneladas que o Craega rexistrou en 2018. Segundo o informe sobre produción ecolóxica que o Ministerio de Agricultura publicou recentemente, o noroeste peninsular mantén o monopolio en acuicultura e absorbe o 59,4 % do que se certifica no conxunto do Estado. En algas con etiqueta verde, Galicia tamén se sitúa en cabeza. Das 721 toneladas que se comercializaron no país, 636 tiñan aquí a súa orixe.

Do mexillón ecolóxico e de como se foi facendo un oco no mercado internacional sabe moito Juan Carlos Juncal Piñeiro. Presidente da Asociación de Produtores Mexilloeiros San Amaro e vogal do Craega, coñece como poucos os 230 km2 da ría de Arousa. Pioneiros na produción do molusco con selo, nese recuncho singular do litoral galego o colectivo xestiona 41 bateas repartidas en mans de 26 socios.

“Os principios foron dífíciles. Comezamos certificando dúas bateas para industria e o primeiro ano só vendemos o 20% da produción. O resultado non pagaba o esforzo, pero era unha aposta de futuro cun produto innovador”, lembra Juncal. A primeira grande eclosión chegou en 2013. San Amaro empezou a vender fresco para Francia, un país con niveis de consumo ecolóxico moi elevados. A entrada no mercado galo exerceu un efecto chamada e, ao colectivo con sede en Vilanova de Arousa, sumáronse membros doutras organizacións, primeiro os da Rianxeira e, máis tarde, os da Illa. Conscientes das dificultades para introducir o bivalvo nos circuítos comerciais, despois inscribiuse tamén algún cocedeiro de mexillón e algunha depuradora, algo que serviu para darlle o pulo definitivo ao sector.

O mercado do mexillón eco atópase nun estado embrionario. “Aínda que tres mil toneladas semelle unha gran cantidade, supón pouco máis do 1 % do mexillón galego comercializado. Partindo da calidade das augas, hoxe en día poderíase certificar máis dun 90 % do noso molusco”, engade.

Fonte: ‘Agricultura ecolóxica. Estatísticas 2018’, Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

FRANCIA, O MERCADO MÁIS APETITOSO. Francia é o terceiro mercado de alimentos ecolóxicos a escala mundial e o noveno que máis gasta ao ano en produtos bio per cápita (101 €). Son datos dun informe do ICEX, no que tamén se prognostica que o sector aspira a acadar os 12.000 millóns de euros en 2020.

En Arousa foron quen de percibir as oportunidades dun país que fixo do mexillón fresco –non dispoñible no seu mercado– unha das estrelas da súa despensa. O selo do Craega resultou fundamental para abrirse camiño. Ademais de achegar valor engadido, a certificación “permitiunos acadar estabilidade tanto en prezo como en vendas”, explica o presidente de San Amaro.

Desde as Rías Baixas auguran que o futuro do molusco pasa por converterse en ingrediente de pratos elaborados, en consonancia coa tendencia dos mercados. Hoxe comercialízase de xeito moi semellante ao convencional, tanto en conserva coma en fresco. Este último é o que máis demanda rexistra no seo de San Amaro, algo que desde a agrupación atribúen a que, con este formato, tende a identificarse cun produto gourmet

Juan Carlos Juncal Piñeiro, presidente da Asociación de Produtores Mexilloeiros San Amaro.

DIFERENZAS ENTRE MEXILLÓN BIO E CONVENCIONAL. A calidade da auga é o principal criterio á hora de establecer os límites entre o mexillón bio e o convencional. Segundo estipula a normativa de acuicultura ecolóxica, o molusco con etiqueta verde debe producirse en polígonos situados en zona sanitaria A ou B (alta calidade). De analizar a calidade da auga ocúpase o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar).

Co peso que ten a contorna para o sector bateeiro, Juncal fai fincapé en que o maior reto para os produtores e os mariñeiros das rías galegas “é conservar o medio no que traballamos, evitando que os intereses de empresas e persoas sen escrúpulos os deterioren de forma irreparable”.

A curto-medio prazo, todo apunta a que se irán creando pequenos grupos de produtores que asumirán a xestión de 20 ou 30 bateas a fin de amortizar recursos e sacar maior rendemento á produción.

Mexillón á marxe, o tamén vogal do Craega vai máis alá e apela á Administración para que fomente o consumo de produtos ecolóxicos. Nesta liña urxe medidas como a puntuación dos alimentos bio nos concursos de comedores xestionados polos poderes públicos ou a aplicación do IVE superreducido.

Galicia encabeza a produción de carne avícola e pechou 2018 cun balance de 1.078 toneladas.

LÍDER EN LEITE E CARNE AVÍCOLA. O informe do Ministerio de Agricultura pon de relevo que Galicia segue a gañar peso en produción ecolóxica ano tras ano. A superficie dedicada a este tipo de cultivo medrou un 7,9 % só nun exercicio e, ademais, a comunidade logrou encabezar certos sectores como o leite, a carne avícola, os ovos ou o mel.

España sumaba 7.923 explotacións gandeiras ecolóxicas en 2018, dous puntos máis que no exercicio precedente. Con máis da metade das granxas certificadas do conxunto do Estado, Galicia lidera a produción láctea do país e anotou 15.697 toneladas dun total de 27.837. Non obstante, cae ata o quinto posto en produción de carne. Unicamente 165 das que hai en España se sitúan aquí e, de feito, o seu peso no balance é pouco significativo: 207 toneladas fronte ás máis de 23.000 que computa o Estado no seu conxunto.

En canto a ave de curral, Galicia tamén merece un lugar destacado. Por detrás de Cataluña, é a segunda comunidade con máis explotacións (30) deste tipo. Si que encabeza, no entanto, a produción de carne avícola e pechou o ano cun cómputo de 1.078 toneladas (das 1.289 de España).

O informe do Ministerio tamén outorga un oco sobresaínte aos ovos ecolóxicos. Das 21 granxas inscritas en Galicia saíron 22.141 unidades, cifra que lle atribúe a segunda posición neste segmento. Algo parecido sucede co mel. Galicia presume de ser a terceira comunidade en suma de explotacións (31). Nelas repártense 14.562 colmeas que produciron 170 toneladas de mel, cantidade que deixa de novo a Galicia no número tres da lista.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.