fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Mirabel do Rosal, “a froita galega gourmet”

O mirabel é unha froita carnosa cun tamaño similar ao dunha cereixa, de cor dourada, pero cun sabor máis próximo ao do pexego ou ao do albaricoque. Ten unha temporada de recolección moi breve, aproximadamente un mes (do 15 de xullo ao 15 de agosto), e o resto do ano a súa dispoñibilidade depende das vendas e da súa transformación no verán en cervexas (tostada ou rubia artesá), marmeladas ou en almibre. Ademais do seu sabor, estes pequenos froitos salientan polas súas propiedades beneficiosas para a saúde, pois conteñen moita fibra, antioxidantes e vitamina C, ademais de vitamina A, e minerais como o potasio, calcio, magnesio e fósforo. 

Os mirabeis medran no Rosal, na provincia de Pontevedra, e é a materia prima coa que en 2004 nacía a empresa Mirabel do Rosal da man dun grupo de veciños.

Tras moitos avatares, pasaron de vender 2000 kg a vender 20.000 no ano 2009, segundo conta Salvador Martínez, o responsable da marca, que sempre tivo clara a súa aposta pola ecoloxía e a sostibilidade. 

A súa firme posición por este tipo de produción levounos o pasado mes de  xuño a seren recoñecidos como Mellor Produtor Sostible da man do BBVA e Celler de Can Roca. 

Alén do Val é a marca baixo a que Mirabel do Rosal comercializa os seus produtos gourmet e os seus responsables acaban de lanzar Biobel,  “tamén de alta calidade, ecolóxicos e certificados, pero un pouco máis económicos”.

*Podedes coñecer a historia completa no artigo firmado por Paula Quintás,  publicado por El Español.

 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.