Arquivo da categoría: Premios

O MAPA convoca os Premios “Alimentos de España 2020”

Desde 1987, convócase anualmente o Premio “Alimentos de España” en recoñecemento aos profesionais ou entidades que contribúen a impulsar este sector tan importante na economía española. No ano 2020, estes premios alcanzan a súa XXXIII edición. Os galardoados son elixidos por un Xurado formado por persoas de recoñecido prestixio. Entre as modalidades que se establecen, inclúese o Premio Alimentos de España á Produción Ecolóxica.


PREMIO “ALIMENTOS DE ESPAÑA Á PRODUCIÓN ECOLÓXICA”
Enfocado a premiar as accións que dunha maneira global mellor integren a conservación da biodiversidade, o respecto ao medio ambiente, a potenciación do desenvolvemento rural e os recursos locais e a innovación tecnolóxica, redundando na obtención de produtos de calidade conformes ao método de produción ecolóxica, seguindo as directrices do Regulamento (CE) número 834/2007 do Consello, de 28 de xuño de 2007, sobre produción e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos.
Poderán participar explotacións agrarias e empresas alimentarias, con sede principal dentro do territorio nacional e co certificado valido en vigor que acredite o cumprimento da normativa sobre produción ecolóxica.

OUTRAS MODALIDADES 
As outras modalidades son Premio Alimentos de España á Industria Alimentaria, Accésit á Iniciativa Emprendedora, Premio Alimentos de España á Internacionalización Alimentaria, Premio Alimentos de España Produción da Pesca e da Acuicultura, Premio Alimentos de España de Comunicación, Premio Alimentos de España á Restauración, Premio Extraordinario Alimentos de España.

PARTICIPANTES
Todos os participantes nestes premios, xa sexan empresas, entidades ou persoas físicas ou xurídicas de natureza pública ou privada, haberán de cumprir os requisitos de cada modalidade, segundo se recolle na orde AAA/854/2016, de 26 de maio pola que se establecen as bases reguladoras da concesión dos Premios Alimentos de España.
Non poderá optar aos premios ningunha persoa física ou xurídica na que concorra as circunstancias descritas no artigo 13.2 e 13.3 da lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeneral de Subvencións e que fose sancionada, nos dous anos anteriores á data de presentación da solicitude, por infracción da lexislación en materia agroalimentaria.

PRAZO DE PRESENTACIÓN
O prazo máximo para a presentación de solicitudes será de tres meses contados a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial do Estado. A data límite para a presentación de solicitudes finaliza o 9 de abril de 2021 (este inclusive).

Formulario

Información completa ⇒ Infórmate aquí 

Para calquera dúbida⇒premiosalimentacion@mapa.es

 

Inscricións abiertas para os Premios Ecovino 2021 que incluirán, ademais de viños e vermús, mostos e vinagres

A XII edición dos Premios Ecovino, o maior concurso de viños con sede na Rioxa e o máis amplo dos concursos de viños ecolóxicos de España por número de mostras presentadas, premiará os mellores viños certificados en ecolóxico nunha cata cega dirixida polo profesor Antonio T. Palacios, que terá lugar do 13 ao 15 de abril na Sala de Análise Sensorial do Complexo Científico-Tecnolóxico de la Universidade  da Rioxa (UR).

O XII Concurso Internacional Premios Ecovino está organizado pola asociación Cultura Permanente, co apoio da Universidade da Rioxa, do Consejo Regulador de la Producción Agraria Ecológica de la Rioja (CPAER), Consejo Regulador D O Cualificada Rioja, Laffort, Rivercap, Laboratorios Excell Ibérica, Corchos M. A. Silva & Garzón, Kupsa, Riojadhesivos e Verallia.

Presentación dos XII Premios Ecovino no Reitorado da UR

Esta iniciativa enolóxica e permacultural ten por obxecto promover os viños, vermús e mostos ecolóxicos (este ano tamén vinagres), a súa calidade e as prácticas agrarias respectuosas co medio ambiente.

As adegas interesadas en participar deberán inscribirse a través do formulario en liña  que estará dispoñible desde o 1 de febreiro en www.premiosecovino.com  e enviar as súas mostras ao Complexo Científico-Tecnolóxico da Universidade da Rioxa entre o 1 e o 19 de marzo de 2021.

Poderán concursar viños ecolóxicos debidamente certificados e procedentes de calquera rexión do mundo, dentro dalgunha das seguintes categorías: brancos sen contacto con madeira, brancos anellos, rosados, tintos novos, tintos anellos, espumosos, doces, xenerosos, vermús e, ademais, mostos. Tamén se engade este ano, como novidade, unha categoría para vinagres ecolóxicos.

Optarán, en cada unha das categorías, aos galardóns ‘Gran Ecovino de Ouro’, ‘Ecovino de Ouro’ e ‘Ecovino de Prata’; e, no seu caso, ‘EcoMosto’ de Ouro ou Prata e ‘EcoVinagre’ de Ouro ou Prata. Ademais, outorgaranse dous galardóns extraordinarios ao ‘Mellor Ecovino sen Sulfitos Engadidos (Premio Especial “Laffort”)’ e ao ‘Mellor EcoDeseño (Premio Especial “Rivercap”)’, e outro máis á ‘Excelencia Ambiental’ (patrocinado por Laboratorios Excell Ibérica), que será entregado á persoa, empresa ou institución que o amerite polo seu compromiso co coidado da Natureza. As candidaturas poderán tamén presentarse a través da web oficial do concurso.

As bases completas xa poden consultarse aquí.

Os viños serán avaliados do 13 ao 15 de abril nunha cata a cegas por un xurado presidido polo profesor de Análise Sensorial da UR Antonio Palacios e composto por expertos catadores de recoñecido prestixio. A resolución do xurado darase a coñecer o 19 de abril, a través do sitio web oficial do certame e dos medios de comunicación. A cerimonia de entrega de premios terá lugar no mes de maio.

Se as circunstancias sanitarias o permiten, celebrarase unha cata popular no mes de xuño, para dar a coñecer os viños, vermús, mostos e vinagres premiados. Tamén se realizarán diversos eventos vinícolas en Logroño e noutras cidades españolas, como Madrid, San Sebastián e Bilbao, onde se presentarán os viños que obteñan un destacado recoñecemento por parte do xurado, ante prescriptores, catadores da rede HORECA, distribuidores e prensa especializada.

Nas últimas cinco edicións concorreron un total de 1128 candidaturas a concurso procedentes de ao redor de 40 rexións vitícolas diferentes, o cal supón case o triplo de mostras concursantes que no quiquenio 2010-2014, no que participaron 384.

Máis información

Iñigo Crespo

Secretaría Xeral Premios Ecovino

Tel.: 609 521 991

sg@premiosecovino.com
www.premiosecovino.com 

 

 

A Cooperativa A Carqueixa, entre os finalistas da XXI edición do Premio Aresa

Os cinco membros do xurado, composto por Antonio López Díaz, reitor da USC; Álvaro Rodríguez Eiras, presidente de Aresa; Montserrat Valcárcel Armesto, vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo; Manuel Gómez-Franqueira, presidente do Grupo Coren, e María José Alonso Fernández, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, reuníronse onte no vicerreitorado do Campus lucense para avaliar as dezaseis candidaturas presentadas e deron a coñecer os nomes das catro finalistas desta vixésimo primeira edición do Premio Aresa, entre as que saíu o nome da Cooperativa A Carqueixa.

Esta empresa, inscrita no Craega como produtor agrícola para a produción de froitos secos e cogomelos, ten a súa orixe en 1994, ano no que se fundou para a comercialización conxunta de xatos e a compra de insumos, adquirir máis dimensión como colectivo e conseguir que os produtores de carne de Cervantes fosen un sector máis forte e cohesionado. A día de hoxe está formada por uns 200 cooperativistas.

Os outros finalistas son o Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa, Arnigal Cultivos e Estratexia de loita ecolóxica fronte a praga da rata topo, presentada por Pablo Sánchez Quinteiro.

O gañador do XXI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, dotado cunha placa conmemorativa e 10.000 euros, darase a coñecer o vindeiro 11 de febreiro ás 12:30 h nunha gala que será transmitida por streaming.

 

 

Varias propostas co selo do Craega optan ao XXI Premio Aresa

Gala de entrega do XIX Premio Aresa ao Craega en marzo de 2019

Tras rematar o prazo para a presentación de propostas finais do mes de decembro, a organización do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, composta polo Grupo Aresa e a Universidade de Santiago de Compostela, presentou os dezaseis candidatos a conseguir o galardón deste ano, entres os cales se atopan varias empresas de produción ecolóxica certificadas polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), que xa foi recoñecido con este premio na súa XIX edición.

As empresas certificadas polo Craega candidatas ao Premio Aresa, dotado con 10.000 euros, que dará a coñecer os finalistas mañá xoves 21 de xaneiro, son as seguintes:

  • Muuhlloa, cosmética 100 % galegarealizada con produtos ecolóxicos e que xorde da sinerxia doutras dúas iniciativas como son Granxa Maruxa e Milhulloa.
  • As Vacas da Ulloa SCG, cooperativa de gandería ecolóxica
  • Verín Biocoop SCG (Ourense), pioneiros na comercialización de carne de vacún de produción ecolóxica
  • Conservas do Támega, dedicada á elaboración de conservas vexetais ecolóxicas.
  • Cooperativa A Carqueixa, nada para o fortalecemento dos produtores de carne de Cervantes

Esta edición será moi especial, pois está marcada pola situación sanitaria na que estamos e a nova realidade que marcou inesperadamente a chegada da covid-19. Por todo isto, o Premio Aresa nesta ocasión valorará as iniciativas que redefinisen o seu modelo de negocio durante a pandemia, creasen un novo proxecto ou axudasen a outros nesta nova realidade.

As galardoadas cos XI Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais presentan o seu proxecto nun vídeo do MAPA

María José Tallón, fundadora de Trasdeza Natur (3.º premio na categoría Actividade Agraria)

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) fixo público o vídeo no que se recollen as voces das mulleres que foron premiadas na XI edición dos Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais, celebrada en 2020. Entre elas atópase María José Tallón, fundadora de Trasdeza Natur, unha horta ecolóxica que ten en Silleda (Pontevedra) cun sistema pioneiro para deshidratar froitas e verduras con enerxía solar, que a levou a recoller o 3.º Premio na categoría de Actividade Agraria.

⇒Vídeo no canal  youtube do MAPA e nas redes sociais (FacebookTwitter).

RECOÑECEMENTO AO TRABALLO DAS MULLERES NO RURAL

Estes premios buscan recoñecer iniciativas excepcionais desenvolvidas por mulleres no noso medio rural, que sirvan como exemplo do imprescindible labor que realizan e como inspiración para outras mulleres.

O Ministerio anunciou a próxima publicación dunha serie de vídeos individuais sobre cada un dos proxectos premiados, que podedes consultar nas mesmas canles.

Premios para o sector pesqueiro na nova edición do certame Innovación para Mulleres Rurais

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación vén de convocar os Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais 2019. A ampliación a sectores do medio rural en zonas costeiras é a principal novidade desta décima edición. Deste xeito, poden concorrer no certame as produtoras do sector pesqueiro, clave no desenvolvemento económico do país, na fixación de poboación e na preservación de medios de vida tradicionais e sostibles no litoral.

Outra das estreas é a concesión dun primeiro, segundo e terceiro galardón nas distintas categorías, aos que corresponden dotacións económicas por valor de 18.000, 12.000 e 7.500 euros respectivamente. A excepción é o recoñecemento pola traxectoria vencellada ao apoio a mulleres rurais por ser de carácter honorífico. O premio ten como obxectivo dar visibilidade ás mulleres do sectores rural e pesqueiro, e tamén axudar a desenvoler e consolidar os seus proxectos.

A iniciativa nace co cometido de distinguir proxectos novos, orixinais e innovadores realizados por mulleres rurais e actuacións que recoñezan o seu traballo. Outra das finalidades é promover a súa incorporación e inserción laboral no territorio. O prazo de presentación conclúe o 5 de agosto. Hai catro categorías:

1) Excelencia á innovación na actividade agraria.
2) Excelencia á innovación na actividade pesqueira ou acuícola.
3) Excelencia á innovación en diversificación da actividade económica no medio rural ou zonas costeiras rurais.
4) Excelencia á comunicación.

O CRAEGA dona o premio Aresa a entidades de interese social

premio Aresa
Silva Rodríguez, esquerda, José Armando Tellado, Montserrat Valcárcel Armesto, José González, Antonio López, Francisco López Valladares e Álvaro Rodríguez Eiras (Foto: Aresa)

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) donará o importe íntegro do premio Aresa a colectivos de interese social. Cos 10.000 euros en metálico do galardón, fondos propios e a colaboración de empresas do sector, o Consello fará chegar produto certificado a diversas entidades e institucións que destacan especialmente polo servizo que prestan á sociedade.

Así o anunciou este venres 29 de marzo Francisco López Valladares, presidente do CRAEGA, no auditorio da Facultade de Veterinaria (Lugo) coincidindo co acto de entrega do galardón. A cita estivo presidida polo reitor da Universidade de Santiago (USC), Antonio López Díaz; o conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez; e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras.

Este premio pertence aos máis de mil operadores que integran a familia do CRAEGA. Tedes que saber que este premio é voso. Porque cada día vos erguedes para loitar polo rural galego e facer deste país un mellor sitio para vivir”, recalcou Valladares durante a súa intervención. Desde o Consello “sempre defendemos, e seguiremos defendendo, que a certificación sexa pública. É a mellor opción para empurrar ao sector porque é un modelo de prestixio, garantista, participativo e xusto”, argumentou.

Valladares aproveitou para lembrar que o selo do CRAEGA acredita as propiedades nutricionais dos alimentos, pero tamén constata que ese produto foi elaborado de xeito “sostible, respectando as condicións medioambientais, o benestar animal e, por suposto, favorecendo a biodiversidade”.

GARANTÍA DE CALIDADE. Na mesma liña se pronunciou o presidente do grupo Aresa, empresa impulsora do galardón xunto coa USC. O selo do Consello “rompe definitivamente coa falta de rigor que existiu neste senso no pasado”.

O grupo Aresa comercializa dende hai tempo produtos ecolóxicos e, en palabras do seu presidente, “a agricultura e a gandería ecolóxicas forman parte dunha nova realidade do noso sector, teñen un gran porvir e convivirán coa produción convencional de maneira necesaria. Débese combater o debate enfrontado entre as dúas formas de producir, ambas son absolutamente necesarias, distintas e complementarias para dar resposta ao reto de alimentar a poboación mundial”, explicou durante a súa intervención.

O conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, felicitou ao CRAEGA polo recoñecemento recibido e fixo fincapé en que “xoga un papel fundamental na expansión da agricultura ecolóxica”. Este modelo de produción -continuou- é “a agricultura do futuro pola súa oferta de produtos sans e saudables, de máxima calidade e concienciada coa nosa contorna”.

O reitor da USC, Antonio López Díaz, clausurou a gala agradecendo ao público a súa presenza e dando os parabéns ao  Consello polo premio. Aproveitou tamén para destacar o labor de todas as candidaturas que se presentaron a esta edición, pois “son todas un gran exemplo da posta en valor do rural”, dixo.

22 ANOS DE HISTORIA. O CRAEGA  é o órgano encargado do control e da certificación da agricultura ecolóxica en Galicia. Naceu en 1997 e comezou a súa actividade coa certificación de producións vexetais. Foi nos anos 2000-2001 cando ampliou o seu labor á produción animal e xa no 2010 incluíu a acuícola, pois tamén certifica produtos de pesca, como o mexillón ou a extracción sostible das algas.

O xurado tivo en conta para facer ao Consello merecedor deste premio tres argumentos: lograr que a agricultura ecolóxica sexa un dos motores do desenvolvemento rural, cunha especial resposta á demanda de consumo en Galicia; defender un proxecto de control e regulación da produción de maneira multisectorial, e lograr que a agricultura ecolóxica sexa unha das causas principais para a maior implantación de mozos no mundo rural e agrario.

Cambio de data: o Craega recolle o premio Aresa o 29 de marzo

Francisco López Valladares
Francisco López Valladares, presidente do Craega

O acto de entrega do premio Aresa cambia de data e terá lugar o 29 de marzo. Aínda que estaba previsto para o venres 8, a organización preferiu retrasalo debido á coincidencia do evento co Día da Muller Traballadora. Tal e como estaba contemplado desde un principio, será na Facultade de Veterinaria de Lugo ás 20 horas.

No transcurso da cerimonia, o presidente do Craega, Francisco López Valladares, recollerá o galardón que anualmente conceden o grupo empresarial Aresa e a Universidade de Santiago (USC). O premio recoñece a traxectoria dunha entidade que convertiu un modo de produción agraria e gandeira nun motor de desenvolvemento rural.

Durante o acto, o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva Rodríguez, impartirá a conferencia A produción ecolóxica. Dun mercado testemuñal a unha tendencia irreversible. Para rematar, haberá unha degustación con produto ecolóxico.

Todos os operadores do Craega están convidados á cerimonia. A invitación pódese descargar neste enlace. Para asistir, prégase confirmar asistencia antes do 27 de marzo a través do teléfono 982 222 400.

O Craega, gañador do premio Aresa 2018

De esquerda a dereita, Montserrat Valcárcel, Álvaro Rodríguez, Antonio López, José Manuel Silva e Carlota López, tralo fallo do XIX Premio Aresa

O Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) é o gañador do premio Aresa 2018, convocado pola empresa lucense do mesmo nome en colaboración coa Universidade de Santiago (USC). O xurado recoñece así a traxectoria dunha entidade que convertiu un modo de produción agraria e gandeira nun motor de desenvolvemento rural, tanto na comunidade como no conxunto de Europa.

Na elección da candidatura tíveronse en conta a súa capacidade para xerar postos de traballo de calidade no rural e a posta en valor de produtos da terra. Neste sentido, especial relevancia se lle deu ao papel do Craega na recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais con potencial para innovar.

O xurado do XIX Premio Aresa estivo integrado polo reitor da USC, Antonio López Díaz; a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva Rodríguez; o director xeral de Capsa Food, José Armando Tellado Nogueira; e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras.

Con recoñecido prestixio no sector, en anteriores edicións resultaron galardoados o profesor da USC Javier Guitián, a Aula de Produtos Lácteos ou a Facultade de Veterinaria (Campus de Lugo). Tamén recibiron o premio IXP Ternera Gallega, o programa de TVG O Agro-Labranza ou a D.O. Ribeira Sacra, entre outros.

O 8 de marzo celebrarase unha gala na Facultade de Veterinaria (Campus de Lugo) na que se lle fará entrega do premio -10.000 euros- ao Craega.  

Cinco Exceleite para as granxas ecolóxicas

Ángel Rivas Lamas (Friol) e Concepción Torres López (Chantada), recibiron o ouro e a prata, respectivamente, na categoría de ecolóxico dos premios Exceleite 2018

Cinco gandarías ecolóxicas acaban de facerse cun premio polo seu bo facer. Convocados por segunda vez pola Consellería de Medio Rural para recoñecer a excelencia hixiénico-sanitaria das granxas leiteiras, nesta categoría resultaron galardoados Ángel Rivas Lamas (Friol) e Concepción Torres López (Chantada), ouro e prata, respectivamente. Tamén foron distinguidos con diplomas Figueroa S.C. (Arzúa), Manuel Calvelo Capelo (Negreira) e a Cooperativa Burgo de Negral (Friol).

Co máximo recoñecemento de Exceleite en ecolóxico por segundo ano consecutivo, a Ángel Rivas Lamas a vocación vaille no sangue. Os inicios da súa explotación remóntanse a 1921, cando o seu avó se fixo coas terras que viña traballando para a nobreza da zona. “Viuse entre a espada e a parede. Se non mercaba, botábano. Tivo que pedir un préstamo e, con moito esforzo, saiu adiante”, lembra.

O gañador do certame pertence á terceira xeración dunha saga de gandeiros. Colleu as rendas do negocio no 1981 e no 2003 iniciou a conversión ao modelo ecolóxico. “Daquela contabamos cunha marxe neta de 0,18 €/litro. Era viable, pero tiñamos a necesidade de buscar un prezo diferenciado”, argumenta. Certificado polo Craega en 2005, hoxe suma 90 cabezas e unha produción de 360.000 litros anuais, cantidade que desde 2017 se destina integramente a Casa Grande de Xanceda.

Premio Exceleite de Prata 2018 de gandaría ecolóxica, Concepción Torres López é unha recén chegada a este tipo de produción. Estreouse hai só seis meses. “Se mantivera o modelo convencional, xa tería pechado”, advirte. Aínda a pesar de que os custes se encarecen, hai un retorno que, ao seu xuízo, serve para equilibrar a balanza.

Herdanza dos seus pais, Torres colleu as rendas da granxa 35 anos atrás. Pero no 2016, despois das dificultades que viña atravesando o sector lácteo, viuse na obriga de buscar outro camiño e empezar a facer as cousas dun xeito máis respectuoso co medio ambiente. “Véndeno coma se fora un luxo, pero o eco xa se facía hai cen anos. Non imos cara algo novo”, conclúe.