Arquivo da categoría: Noticias

O Craega lanza ‘Somos semente’ para impulsar o consumo de produto ecolóxico en Galicia

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) acaba de poñer en marcha Somos semente, a súa primeira campaña de publicidade online. Concebido como un relato audiovisual de tres capítulos, o primeiro spot publicouse en Internet o pasado luns e hoxe mesmo sae á luz o segundo. O seu leitmotiv é grabar a marca Craega na mente do consumidor galego. Para iso, e por primeira vez desde que botou a andar en 1997, o organismo que controla e certifica a agricultura ecolóxica na comunidade aposta por un novo formato promocional con difusión exclusiva en redes sociais. 

“O noso gran reto segue a ser o mercado galego. Estudos propios demostran que o selo non se coñece. Apostamos por unha fórmula revolucionaria para crear un movemento arredor da agricultura ecolóxica que perdure no tempo”, explica Francisco López Valladares, presidente do Consello. Cun forte compoñente emocional, a campaña afonda nos valores do Craega (respecto polo medio ambiente, benestar animal, desenvolvemento rural, etc) e nas vantaxes que ten tanto para a saúde como para o tecido económico consumir alimentos certificados. 

Somos semente arranca en outubro co lanzamento dos tres vídeos nos perfís dixitais corporativos (Facebook, Twitter, Instagram e Youtube). Dispoñibles en www.somossemente.com, os contidos audiovisuais levarán en paralelo publicidade online que ten como cometido posicionar na Rede a marca Craega e os seus valores. A través dun relato coherente que irá saíndo á luz ao longo de todo o mes, as tres pezas audiovisuais servirán para debullar os piares básicos da agricultura ecolóxica. 

Ademais de explicar que é o selo e que significa a certificación, a campaña quere espertar a conciencia do consumidor galego e lograr que se comprometa co sector.  

En paralelo, desde o seo do Consello impulsaranse diferentes accións que van máis alá do soporte dixital. Nos vindeiros meses, as principais cidades galegas amosarán a nova imaxe do Craega en localizacións estratéxicas e no transporte urbano. Asemade, levaranse a cabo diversas actividades a pé de rúa para dar visibilidade aos produtos bio. 

Todas estas actividades difundiranse progresivamente na web www.craega.es, os perfís de Facebook, Twitter, Instagram e Youtube, o grupo de WhatsApp e tamén na revista corporativa do Consello. Con este conxunto de accións, a campaña procura visibilizar a marca Craega e un estilo de vida saudable a través do consumo de produtos ecolóxicos. 

MÁIS DE MIL OPERADORES. O Craega botaba a andar en 1997 con só 11 operadores e 13,35 hectáreas de superficie certificada. Hoxe hai máis de mil inscritos e máis de 33.000 ha dedicadas ao cultivo ecolóxico. Os balances económicos soben ano tras ano e poñen de relevo o músculo dun sector que cada vez cobra máis peso dentro e fóra de Galicia. 

Co lácteo como eixo estratéxico, 2018 pechaba cun volume de vendas certificadas de 78,7 millóns de euros. “O ecolóxico non é unha moda. O consumidor está cada vez máis concienciado e sabe que cada compra ten unha consecuencia: co medio ambiente, co rural, coa economía local e coa súa saúde”, recalca Valladares. 

Neste contexto de eclosión da ecoloxía, é importante –insiste o presidente do Consello- asegurarse de que se cumpren as regras. “Cómpre buscar sempre o noso selo, única garantía oficial de que un produto se axusta á normativa europea”, sinala. “O distintivo serve para protexer ao produtor fronte ao fraude, pero sobre todo ao consumidor”, insiste.

 

O Craega súmase ao programa de compostaxe doméstica de Sogama

Persoal técnico, pola esquerda, explica o funcionamento do composteiro en presenza de Javier García Lozano (secretario do Craega); Javier Domínguez Lino (presidente de Sogama); Gerardo Lagares (socio director de Orballo); Francisco López Valladares (presidente do Craega) e Ángeles Vázquez (conselleira de Medio Ambiente)

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) dá un paso máis no seu compromiso co medio ambiente e vén de adherirse ao programa de compostaxe doméstica que xestiona a Xunta a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama). En virtude deste acordo, a entidade recibirá un cento de composteiros, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables. Ademais, os seus asociados recibirán un par de cursos de formación sobre a posta en valor da materia orgánica e o uso dos colectores.

“A compostaxe é algo que xa se practicou desde sempre en agricultura ecolóxica. Estamos recuperando o que vén de atrás, o que facían os nosos avós. Ían ao toxo, botábano no corral e, despois con iso, araban as terras para o cultivo”, explicou hoxe en Paderne Francisco López Valladares, presidente do organismo. Acompañado pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, percorreu a finca de Orballo, unha empresa certificada polo Craega que acaba de sacar adiante o primeiro té ecolóxico galego.

“Orballo é un bo exemplo de que as persoas novas teñen futuro no rural e que non precisan marchar á cidade”, sinalou López Valladares. Produtora de infusións de diverso tipo, arroces, herbas aromáticas e especias, a compañía con sede no concello coruñés de Paderne é unha das tres empresas galegas que conseguiu o certificado de Reserva da Biosfera a nivel nacional. Por iso, o primeiro dos cen composteiros que Sogama doa ao Craega destinarase a esta finca. “Co cambio climático, temos que preocuparnos máis de coidar o medio ambiente, o aire que respiramos, e tamén o noso chan, en particular os nosos acuíferos e aguas, por certo cada vez máis contaminados”; recalcou o presidente do Consello.

Con case medio millar de operadores, a produción vexetal –principal beneficiaria deste programa- representa un tercio da actividade do Craega. A maioría repártense entre Lugo e Pontevedra. Asemade, as vendas deste segmento acadan os 20,3 millóns de euros e acaparan a cuarta parte da facturación do organismo, tal e como e desprende do seu balance de 2018. 

A conselleira puxo en valor o compromiso ecolóxico que demostran as entidades adscritas a Craega, demostrando que desde o respecto ao medio ambiente tamén se poden impulsar negocios sustentables e rendibles. Ángeles Vázquez lembrou que grazas á compostaxe se poden lograr numerosos beneficios ambientais e económicos xa que, por termo medio, a bolsa negra de lixo dun fogar está composta nun 42% por materia orgánica.

“Se en vez de desbotar esa fracción orgánica a aproveitamos para xerar compost, como se facía tradicionalmente no rural galego, reduciremos os residuos, diminuiremos a emisión de CO2 e conseguiremos ademais fertilizantes de primeira calidade”, engadiu.

DOUS CURSOS. Coa colaboración de Sogama, o Craega celebrará un par de cursos sobre compostaxe o vindeiro mes de outubro. Con 50 prazas cada un e de carácter gratuíto, o primeiro terá lugar o mércores 16 (de 18 a 19 h.) na sede que o Consello posúe en Monforte de Lemos. Previsto para o día 23, o segundo terá en lugar no novo domicilio do organismo, en Boqueixón. Impartidos por persoal da Sociedade Galega do Medio Ambiente, as sesións están dirixidas principalmente aos operadores certificados. Se quedan vacantes, a convocatoria abrirase ao público en xeral.

A compostaxe doméstica consiste na reciclaxe de materia orgánica en orixe, convertíndoa nun abono natural con excelentes propiedades para o solo e que o propio produtor pode empregar na súa horta, xardín e terras de cultivo, en substitución dos fertilizantes artificiais.

Máis dun cento de persoas xogaron co Craega no festival Agrocuir da Ulloa

Os nenos foron o público máis activo na estrea da xincana ecolóxica do Craega

O Consello Regulador vén de poñer en marcha unha nova actividade para achegar a agricultura ecolóxica a públicos de todas as idades. O pasado 31 de agosto estreou no festival Agrocuir da Ulloa unha xincana que, ao longo de dez probas, serviu para debullar os conceptos fundamentais do sector. Máis dun cento de persoas, particularmente familias, percorreron o souto do Caracacho (Monterroso) na procura de respostas.

Entre outras cuestións, tiveron que descubrir como se identifica un alimento certificado polo Craega, cales son as condicións de vida dun animal ecolóxico ou que beneficios ten consumir produtos de tempada. Unha vez solventados todos e cada un dos enigmas, foron quen de cubrir o ecoencrucillado que lles proporcionaba a solución global da xincana.

O percorrido lúdico rematou na food truck que o Craega instalou na zona habilitada para tal fin pola organización do festival. Alí foi onde o chef monfortino Martín Mantilla deleitou aos participantes no xogo cunha merenda elaborada a base de produtos certificados.

O Craega estrea xincana ecolóxica no festival Agrocuir da Ulloa

Martín Montilla Rodríguez
O chef monfortino Martín Montilla Rodríguez

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) estrea o sábado 31 de agosto a súa xincana ecolóxica no festival Agrocuir da Ulloa. O xogo consta de dez probas que permitirán aos participantes achegarse aos conceptos fundamentais da agricultura ecolóxica. Dirixida a públicos de todas as idades e de carácter gratuíto, a recompensa será unha deliciosa ecomerenda preparada polo chef monfortino Martín Mantilla.

A xincana arrancará ás 16.30 horas no souto do Caracacho (Monterroso, Lugo). A dinámica é moi sinxela. Unha vez inscritos, os grupos -de ata cinco integrantes- estarán en disposición de resolver diferentes incógnitas que sempre terán como pano de fondo a agricultura ecolóxica. Como recoñecer un produto certificado, cales son as vantaxes dos alimentos de tempada ou como se cría un animal en ecolóxico son algunhas das cuestións que haberá que debullar durante o percorrido. Ao longo das dez probas e nun período de arredor de media hora, os equipos terán que ser capaces de reunir as respostas do ecoencrucillado que lles proporcionará a solución global da xincana.

Para repoñer forzas despois de descifrar o quebracabezas, todos os que se anoten na actividade poderán degustar de xeito totalmente gratuíto unha ecomerenda na food truck que o Craega instalará no souto do Caracacho. De preparar os petiscos ocuparase o chef monfortino Martín Mantilla, a piques de inaugurar o restaurante Berso, no concello lucense de Sober, e colaborador habitual desta entidade.

Con este xogo, o Consello quere difundir os conceptos relacionados coa agricultura ecolóxica dun xeito lúdico, participativo e divertido. A xincana está concebida como un modelo integral que, ademais de promover aspectos teóricos vencellados ao sector, inclúe unha degustación de produto certificado.

FESTIVAL AGROCUIR. O festival que naceu hai seis anos en Monterroso é a primeira parada da ecoxincana do Craega. A celebrar entre o venres 30 o sábado 31 de agosto, o Agrocuir xorde no eido rural para defender a diversidade sexual e afectiva. De carácter interxeracional, reivindica valores como o ecoloxismo e o feminismo.

O programa inclúe proxeccións documentais, concertos, performance, obradoiros, contacontos e ata un partido de fútbol feminino. No apartado musical destacan as actuacións de Boyanka Kostova, Laura LaMontagne & Pico Amperio e Omiri.

Vexetais, ovos e pan copan o top 10 do consumo eco en Galicia


Os vexetais son os produtos ecolóxicos que se consomen con máis frecuencia en Galicia. Ata un 48,1% dos enquisados incorpóraos á súa cesta da compra máis dunha vez por semana. Así se desprende do último barómetro elaborado polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) para avaliar a percepción e consumo dos alimentos orgánicos.

En segunda posición atópanse os ovos. O 66,5% dos entrevistados mércaos unha vez por semana ou incluso máis. Esta é a mesma frecuencia coa que os galegos adquiren carne fresca eco, un produto que gaña terreo nos fogares galegos e medra 7,2 puntos -de 2014 a 2017- ata acadar o 40,4%. Algo semellante sucede coa liña bio do polo e outro tipo de aves, un alimento que o 36,7% engade á súa lista da compra alomenos cada sete días. O crecemento con respecto á análise anterior é de 8,4 puntos.

Pan, pasta ou cereais ecolóxicos teñen un papel de peso no informe e ocupan xa o terceiro posto. O 49,6% declaran consumilos con certa frecuencia. Desta porcentaxe, o 26,3% asegura introducilos na lista da compra máis dunha vez por semana. Con regularidade (53,1%) entran así mesmo nos fogares os snacks, doces, marmeladas, mel ou sobremesas non lácteas.

Con frecuencias por debaixo do 30%, completan o top 10 as bebidas, conservas e aceites, e conxelados. Fóra dos dez primeiros postos e cunha porcentaxe do 7,27%, atópase a alimentación infantil.

Cómpre facer fincapé en que a base de consumidores eco medrou de forma considerable entre 2014 e 2017. Cun incremento do 23,5%, chega agora ao 47,3% da poboación galega.

Segundo o barómetro do Craega, queda patente que os produtos de orixe vexetal son a porta e entrada ao consumo ecolóxico. Así o poñen de manifesto o 73,8% dos enquisados. A máis distancia séguenlle os ovos (7,6%) e os lácteos (7,5%).

PERFIL DO CONSUMIDOR ECOLÓXICO. De mediana idade, con estudos superiores e con renda alta. Son as características comúns do consumidor ecolóxico galego. Tal e como reflexa o último barómetro do Craega, a compra de alimentos orgánicos ten unha presenza máis intensa entre a xente nova. A maior parte (55,2%) dos que inclúen os alimentos bio na súa cesta da compra teñen entre 35 e 49 anos. Moi de preto (52,2%) sitúase o grupo de ata 34 anos. Pola contra, a consideración de non consumidor aumenta notablemente por riba do 63% entre os maiores de 65 anos.

O que merca ecolóxico adoita ter un nivel educativo elevado. Máis da metade conta con Formación Profesional ou universitaria. Sen embargo, nos niveis máis baixos de instrución son máis abundantes os non consumidores.

Segundo a actividade que desempeñan, o consumidor eco preséntase con maior intensidade entre os empregados (53,2%), estudantes (54,3%) e as persoas que realizan labores no fogar (57,7%).

Xa por último, contribúe a definir o perfil a situación económica dos fogares. Entre os niveis de ingresos máis baixos (renda familiar media mensual inferior a 1.000 €) a frecuencia dos consumidores cae ao 39,1%. No extremo contrario (máis de 4.000 € por mes), a compra de produto eco sobe ata o 68,8%.

CASE 80 MILLÓNS DE EUROS EN VENDAS. O Craega medra ano tras ano. En 2018, as vendas de produto ecolóxico certificado disparáronse un 33,2% e acadaron os 78,7 millóns de euros. Arredor da metade do produto certificado véndese fóra de Galicia. Desta porcentaxe, entre o 20% e o 30% comercialízase no mercado exterior.

O leite UHT e a carne avícola, por esta orde, son os produtos estrela. Cunha facturación superior aos 26 millóns de euros e un crecemento de case 41 puntos, o lácteo é con diferenza o que máis ingresos xera. Galicia certifica o 65% do leite que se consome en España.

A superficie certificada polo Consello tamén anota datos positivos. Con 33.736,44 ha certificadas, o crecemento durante o curso pasado ronda os seis puntos. A provincia con máis terreo en ecolóxico é Lugo, xa que suma 16.507 ha (o 49% do total).

En canto ao número de operadores, o Craega rexistra neste caso unha suba de case oito puntos e computa 1.152 inscritos ao peche de 2018 (un 125,8% máis que en 2008). Cun 37,6%, a vexetal consolídase como a produción maioritaria no conxunto da comunidade.

BARÓMETRO 2017: DOCUMENTO COMPLETO E RESUMO.

O Craega apoia o documento da SEAE ‘Evidencias científicas da produción ecolóxica’

A agricultura ecolóxica é máis respectuosa co medio ambiente? É o modelo actual de produción de alimentos sostible? Son os alimentos ecolóxicos máis saudables? … Estas son algunhas das preguntas formuladas con máis frecuencia cando se fala sobre produción ecolóxica. As respostas non sempre resultan as máis axustadas á realidade. Por iso, a Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE) elaborou un documento recompilatorio que recolle estudos e investigacións sobre as principais contribucións da produción ecolóxica a tres ámbitos: ao medio ambiente, á saúde das persoas e calidade dos alimentos, e a unha sociedade máis xusta e equitativa.

O Craega, xunto cun cento de organizacións representativas do sector, vén de adherirse a este documento clave para a agricultura ecolóxica.

O artigo baséase, principalmente, en meta-análises publicadas durante os últimos 15 anos. Presenta unha relación de argumentos científicos que poden servir como unha ferramenta para contrarrestar mensaxes tendenciosas (ou directamente falsas) en contra da produción ecolóxica. “Trátase de que calquera persoa ou colectivo, relacionado directa ou indirectamente coa produción ecolóxica, dispoña de argumentos que evidencian cientificamente as aportacións ambientais, sociais e a saúde da produción ecolóxica”, comentan desde a SEAE.

Ademais do Craega, tamén apoian este documento os consellos reguladores de Murcia, Cataluña, Valencia, Castela e León e Baleares. Tamén se sumaron Intereco, a Asociación Vida Sana, Greenpeace, Ecologistas en Acción, Del campo al cole e un longo etcétera.

Nova sección de cociña orgánica e un mapa ecoagroturístico para celebrar os 50 números da revista do Craega

A revista do Craega cumpre 50 números e, para celebralo, vén cargada de novos contidos. Para espremer a época estival, a publicación confeccionou un mapa de ecoagroturismo con 11 visitas espalladas por toda Galicia. As propostas serven para descubrir como se planta té sen saír da comunidade, que facer para converterse en apicultor por un día ou como aprender a facer queixo.

O sumario incorpora ademais unha nova sección de gastronomía orgánica. As receitas de Martín Mantilla (a piques de abrir o restaurante Berso, Sober), María Varela (A Parada das Bestas, Palas de Rei) e Noelia Figuerias (Amodo, Vigo) poñerán outra cor á mesa durante a época estival.

O equipo de redacción falou tamén de comedores escolares con Xavier Simón Fernández, profesor da Universidade de Vigo e integrante do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia. Xa por último, a revista recompila o balance de acuicultura ecolóxica e os plans de expansión do Craega.

A publicación impresa -de carácter gratuíto- chega ao buzón dos máis de mil operadores do Consello. A versión online é de acceso libre. Neste enlace podes vela en PDF e neste outro en ISSUU. 

A memoria do 2018, o premio Aresa e a entrevista a Carlos Spuch, na revista de primavera do Craega

O Craega suma e segue e pecha 2018 con datos positivos en todas as variables: superficie, operadores e facturación. Este último capítulo é precisamente o que anota mellores resultados. As vendas de produto certificado disparáronse un 33,2% e acadaron os 78,7 millóns de euros. Este é un dos temas centrais da revista n.º 49 do Consello.

Nesta edición tamén se inclúe unha ampla reportaxe gráfica co acto de recollida do premio Aresa. Convocado pola empresa do mesmo nome e a Universidade de Santiago, o Craega doará o galardón a diversas entidades de interese social.

A entrevista a Carlos Spuch, neurocientífico do Instituto de Investigación Santiaria Galicia Sur (IISGS) e coordinador da Rede Galega de Investigación en Demencias, é outro dos temas estrela deste número. Defensor do produto ecolóxico, o experto fala sobre os danos dos praguicidas nos alimentos e a importancia de levar unha alimentación saudable.

Para pechar o sumario, conversamos co CEIP Plurilingüe de Lousada (Guntín). O centro lucense resultou o curso pasado gañador da primeira edición de Fai Eco do Lóxico, o programa que desenvolve o Craega no marco do Plan Proxecta. Iniciativa da Consellería de Educación, na modalidade promovida polo Consello inscribíronse este ano case medio cento de colexios de toda Galicia.

Podes consultar a revista completa aquí.

O Craega muda o logotipo e modifica o etiquetado de produto eco

Os produtos ecolóxicos elaborados e certificados en Galicia aparecen agora identificados nos puntos de venda coa marca Craega. A finais de 2018 entrou en vigor a orde da Consellería do Medio Rural que muda o logotipo e obriga os elaboradores certificados a incluílo na etiquetaxe. Aos consumidores non lles custará moito recoñecelo porque o deseño (símbolos, formas, cores e tipografía) é case igual. O único que varía é o vocábulo situado no extremo inferior: en lugar de “Galicia” pon “Craega”.

1. QUE SIGNIFICA O SELO?

Á hora de encher a cesta da compra, é importante fixarse no selo. É a única garantía oficial de que un produto procede dunha leira ou industria sometida ás inspeccións e controis ditados desde a Unión Europea (UE). En España ocúpase do seu cumprimento o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, na maior parte dos casos a través dos consellos ou comités autorizados polas diferentes administracións autonómicas.

2. QUEN OUTORGA O SELO EN GALICIA?

Baixo o paraugas da Consellería do Medio Rural, en 1997 fundouse o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). É a única autoridade de control deste modo de produción na comunidade. O seu equipo técnico encárgase de inspeccionar as empresas e tomar as mostras necesarias en cada fase do produto. Cando se cumpren todos os requisitos que esixe a normativa vixente, outorga o selo.

3. QUE GARANTÍAS TEÑEN OS PRODUTOS CON SELO?

Nin caseiro, nin da horta, nin natural. O único apelativo que avala un produto ecolóxico certificado é o selo, unha garantía de que ese produto superou os controles pertinentes e cumpre coa normativa europea. Co vaivén de termos que hai hoxe no mercado, a marca identificativa do Consello eríxese como a única garantía oficial de que un alimento é 100%  ecolóxico certificado.

4. QUE É UN PRODUTO ECOLÓXICO?

En resumo, é o que se obtén a través de técnicas agrarias ou gandeiras respectuosas co medio ambiente e co benestar animal. Non está permitido o uso de químicos de síntese como fertilizantes, pesticidas, antibióticos, etc. Do que se trata é de preservar o medio, manter ou aumentar a fertilidade do solo e tamén de proporcionar alimentos con todas as súas propiedades naturais.

5. QUE SELOS SE PODEN ATOPAR NUN PRODUTO ECOLÓXICO?

Ademais da marca obrigatoria que expide cada comunidade autónoma, os alimentos ecolóxicos certificados tamén deben incluír o logo europeo. Este último exclúese en certos casos, porque os produtos non se atopan no ámbito da lexislación medioambiental da UE (caza de animais salvaxes ou pesca extractiva).

6. POR QUE SE CAMBIA O SELO?

Para visibilizar o nome do Craega, marca única oficial da agricultura ecolóxica de Galicia, e adaptar o logo ás directrices esixidas desde o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a todas as autoridades de control públicas do conxunto do Estado.

7. EXISTE UN PERÍODO DE CONVIVENCIA ENTRE O VELLO E O NOVO SELO?

Si. Durante certo tempo, nos puntos de venda atoparanse produtos cos dous logotipos. Para aproveitar as etiquetas almacenadas antes da entrada en vigor da nova normativa, os operadores autorizados poden seguir empregando o antigo selo ata o 1 de xaneiro de 2021, data na que ten que estar imposta obrigatoriamente a nova marca do Craega.

8. HAI ALGÚN OUTRO CAMBIO NAS ETIQUETAS DO CRAEGA?

A orde do Medio Rural afecta tamén ao regulamento do Craega e ao xeito de etiquetar os alimentos ecolóxicos. A numeración outorgada polo Consello que acompaña o selo deixa de ser obrigatoria. De tal modo, o logotipo acredita por si só que un produto reúne os requisitos legais para levar o selo.

O novo logo, Hifas da Terra e os ecocomedores de Betanzos, na revista de inverno do Craega

Os produtos ecolóxicos elaborados e certificados en Galicia aparecen agora identificados nos puntos de venda coa marca Craega. É unha das novidades do regulamento do Consello, que entrou en vigor a finais de 2018. Aos consumidores non lles custará moito recoñecelo porque o deseño (símbolos, formas, cores e tipografía) é case igual. O único que varía é o vocábulo situado no extremo inferior: en lugar de ‘Galicia’ pon ‘Craega’. A revista nº 48 do Craega profunda neste asunto e debulla punto por punto os cambios que implica a recente normativa.

A concesión do XIX Premio Aresa ao Consello é outro dos temas centrais da última edición. Está convocado pola empresa do mesmo nome e a Universidade de Santiago. O galardón recoñece a traxectoria dunha entidade que convertiu un modo de produción en motor de desenvolvemento rural.

A entrevista a Catalina Fernández de Ana, fundadora e directora xeral de Hifas da Terra, e a reportaxe sobre os ecocomedores da asociación Mariñas-Betanzos son outros dos asuntos estrela da publicación.