Arquivo da categoría: Feiras

Os produtos eco galegos regresan de BioCultura Madrid, á que asistiron case 35.000 persoas

BioCultura Madrid pechou este domingo catro xornadas de feira cun grande éxito. A pandemia aínda permite unha volta á presencialidade tímida, pero o sector ecolóxico reuniu máis de 34.500 persoas nos corredores de Ifema. Ángeles Parra, directora de BioCultura, sinalou que “todos tiñamos ganas de volver atoparnos tras o impasse da pandemia. E o público respondeu moi satisfactoriamente a esta necesidade de escapar dun anunciado futuro distópico. Hai que actuar e hai que facelo xa”. Ademais, indicou que todo é unha mostra de que o público quería volver reencontrarse e tamén de que “cada vez máis persoas saben que o consumo é unha forma de loita e dunha clara aposta pola rexeneración. Dime que consomes e direiche a que mundo aspiras”.

A grande acollida desta cita abre a campaña que o Goberno español inicia esta mesma semana para promover o consumo de alimentos ecolóxicos e mostrarlle á cidadanía as súas múltiples virtudes.

Os profesionais do sector non deron abasto para participar nas actividades e acudir ás casetas e ás salas onde se presentaban novos lanzamentos. Parra resaltou que “o sector ecolóxico é moi dinámico, moi novo e moi feminino. Somos xa o presente e somos o futuro dunha verdadeira economía”.

O CRAEGA, PRESENTE NESTA CITA

Neste encontro de referencia internacional estiveron presentes varios operadores do Craega que agrupou nunha caseta común varios deles: The Bio Factory, Galuriña, Terra de Baronceli, Cervezas Celebridade Galega, Sovoral Galicia, Algas La Patrona, Capitán Alga, Los Sabores del Camino, Zumiño, Celtaverde, Bubela Artesá e Mieles Anta. Así mesmo,  Orballo, Porto-Muiños e Algamar, firmas que tamén contan coa certificación ecolóxica, asistiron a este evento con posto propio.

Operadores do Craega estarán presentes en BioCultura Madrid

BioCultura Madrid, a feira de produtos ecolóxicos e consumo responsable volve ao seu formato presencial a próxima semana, do 11 ao 14 de novembro. A 36.ª edición espera a participación de 400 expositores e 35.000 visitantes; ademais, paralelamente celebraranse máis de 300 actividades.

O evento, que ten lugar no pavillón 9 do IFEMA, acollerá máis de 18.000 referencias de produtos de alimentación ecolóxica que forman o maior sector da feira. Estarán acompañados doutros sectores como son os produtos para a hixiene e a cosmética con ingredientes certificados. Haberá tamén moda sustentable, benestar, aforro e reciclaxe, medio ambiente, turismo rural, casas de repouso, xoguetes, artesanías, música, libros e revistas.

Entre os produtores en ecolóxico participarán varios operadores que contan co selo do Craega. O Consello Regulador contará con stand propio, no que estarán A Factoría Ecolóxica-The Bio Factory, Galuriña Pizzas y Empanadas de Algas, Baronceli Agricultura Orgánica, Cerveza Celebridade Galega, Mieles Crudas Sovoral Galicia, Algas La Patrona, Capitán Alga, Los Sabores del Camino, Zumiño, Bubela Pastas y Cervezas Craft, Celtaverde e Mieles Anta. Pola súa banda, Orballo, Portomuiños-Las verduras del marAlgamar, que tamén teñen o selo do Craega, asistirán con posto propio.

O Craega colaborará na cata de produtos do mar eco no Salón Gourmets

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar, estará presente na  34.ª edición do Salón Gourmets, que terá lugar do 18 ao 21 de outubro no recinto feiral de IFEMA, co espazo degustación “Galicia sabe amar”.

Dentro do seu programa de actividades, o Craega colaborará o luns 18 de outubro na cata de produtos ecolóxicos do mar “Galicia sabe a mar: a mar de natural,” que estará a cargo de Criselda Iglesias (Tapería Lecer, Cangas do Morrazo). 

Programa de actividades

 

O froito da horta e do mar eco de Galicia, en Fruit Atraction 2021

Pouco a pouco volven os eventos presenciais e unha  boa mostra disto é o stand da Consellería do Medio Rural, presente dende o pasado martes 5 e ata hoxe 7 de outubro na gran feira de froitas e hortalizas Fruit Atraction, instalada no Ifema, que organiza esta mesma entidade xunto a Fepex.

Ao seu abeiro luciron durante estes días os  produtos co selo Craega dalgúns dos nosos operadores: Porto-Muiños, HQ Seaweed, Capitán Alga, Algamar, Algas La Patrona, Conservas Mar de Ardora, Horta do País, Milhulloa, S. Coop. Galega, Eurobanán, Trasdeza Natur, Amorodo Conservas Ecolóxicas, Legufrut, Mirabel do Rosal, Francisco José Fernández Gómez, Labrecos, Souto da Trabe, Naiciña e Daiquí Alimentos Ecolóxicos.

Sen dúbida, Fruit Attraction é unha ferramenta de referencia global para a promoción e compercialización de froitas e hortalizas e, xa que logo, un bo escaparate para os agricultores galegos certificados en ecolóxico.

Polo momento, deixámosvos este álbum de fotos onde podedes ver o froito do traballo dalgúns dos nosos operadores, do que nacen produtos ecolóxicos: naturais, saborosos, saudables e respectuosos co medio ambiente.

Organic Food Iberia contará con preto de 300 expositores

Un dos eventos máis grandes da Península Ibérica para profesionais do sector ecolóxico, Organic Food Iberia e Eco Living Iberica, celebran a súa segunda edición os días 8 e 9 de setembro no pavillón 8 do Ifema Madrid.

A convocatoria presencial contará coa participación de case 300 expositores que presentarán os mellores produtos ecolóxicos, sostibles e innovadores de viños, bebidas, beleza, téxtil… Entre eles, atópase o noso operador Algamar. Ademais, haberá un amplo programa de seminarios con relatores de primeiro nivel e outras actividades.

Organic Food Iberia e Eco Living Iberia permiten ofrecer aos participantes unha plataforma de impulso e expansión internacional co programa de Compradores VIP e Hosted Buyer Program, deseñados exclusivamente para involucrar á compradores clave máis importantes do sector ecolóxico a nivel nacional e internacional.

A feira acolle a Zona de Innovación que presenta os produtos máis novos e innovadores dos expositores lanzados nos últimos dous anos. Neste ámbito, visitantes e compradores invitados votarán, de entre os presentados, aos gañadores entre 10 categorías distintas, que serán anunciados posteriormente nos Premios ‘Organic Iberia’, evento que se celebrará o día 8 ás 19.30h. en Ifema de Madrid.

Máis información

BioCultura Barcelona pecha a feira con máis de 14.000 asistentes

Algas La Patrona, Terra de Baroncelli e Muuhlloa compartiron stand na cita

BioCultura Barcelona, a feira de produtos ecolóxicos e consumo responsable, pechou a súa 27ª edición no Palau Sant Jordi. Unhas 14.000 persoas se achegaron ao recinto para coñecer  máis de cerca o sector ecolóxico, no que estiveron presentes varios operadores do galegos.

Ángeles Parra, directora da cita, afirma que “estaba claro que non ía a ser como a BioCultura á que estamos acostumados, pero o feito de que finalmente se puidese celebrar de forma presencial xa era unha gran noticia para todos”. Engade que “os expositores puideron presentar as súas novidades, que era o que querían. E a mensaxe da necesidade dun cambio cara o ecolóxico volveu chegar aos medios. Á espera de mellores tempos para a lírica, nós, como organizadores, tamén estamos moi contentos. Levamos xa case dous anos moi raros e empezamos a romper o maleficio”.

As actividades online tamén funcionaron ben. Ante a demanda de querer seguir gozando da programación deseñada para os catro días da feira, a organización decidiu deixar a plataforma ata finais de xullo para poder conectarse en calquera momento do día través do link. Para ver as actividades na canle, só tes que entrar na compra de entradas e elixir actividades online e a cantidade 1. Ao comprar as entradas, enches os teus datos, terminas a compra e descargas a entrada, que che aporta un código. Esa clave será a que precises para entrar na canle.

Optimismo na organización

Organizadores e expositores mostraron satisfacción en liñas xerais por como foi a feira. Parra indica que “este pequeno triunfo de BioCultura e do sector, nun marco tan excepcional e delicad

o, puido ser lido como unha sinal de esperanza”. E subliña que “cada vez máis, a cidadanía ten na alimentación a clave cara a un mundo máis sostible, san, saboroso, belo e xusto. E os subsectores afíns, como a cosmética certificada ou o téxtil sostible, están a punto de estoupar”.

Presenza galega

Na cita participaron varias empresas galegas en busca de saír, tras máis dun ano sen case citas presenciais, e co obxectivo de atraer a nova clientela para as súas marcas. As firmas que participaron foron: Muuhlloa (Granxa Maruxa e Milhulloa), Celtaverde (dentro da Gale Truck), Terra de Baroncelli e Sovoral Apicultura Orgánica, ademais de catro empresas dedicadas á acuicultura en ecolóxico: Portomuíños, Algamar, Algas La Patrona e Capitán Alga.

Varios operadores representarán a agricultura eco galega en Biocultura Barcelona

BioCultura chega á súa 27 edición, que terá lugar no Palau Sant Jordi de Barcelona, desde mañá ata o domingo, día 11. Con ela tamén chega o auxe da produción, vendas e consumo ecolóxico. Como todas as edicións, ten o firme propósito de seguir sorprendendo aos visitantes coas últimas novidades do sector ecolóxico con propostas cada vez máis variadas que nos facilitan adoptar uns hábitos saudables e a consumir de forma máis responsable.

BioCultura é a feira de produtos ecolóxicos e consumo responsable máis grande do Estado e reunirá este ano, de forma excepcional, uns 350 expositores dedicados aos sectores de alimentación bio, cosmética ecolóxica, moda sustentable, casa sa, turismo responsable, artesanías e ONG. Paralelamente á exposición celebraranse máis de 400 actividades (presenciais e on line) e espéranse uns 20.000 visitantes para cumprir coas normas de aforamento obrigadas por Covid.

Na cita participan varias empresas galegas: Muuhlloa (Granxa Maruxa e Milhulloa), Celtaverde (dentro dunha food truck) e Sovoral Apicultura Orgánica, ademais de catro empresas dedicadas á acuicultura en ecolóxico: Portomuíños, Algamar, Algas La Patrona e Capitán Alga.

O Congreso Ecolóxico Europeo 2021 celébrase online do 16 ao 18 de xuño

A 15ª edición do Congreso Ecolóxico Europeo será online, en vivo desde Lisboa, do 16 ao 18 de xuño de 2021 das 10:00 ás 15:30 horas. O evento, organizado por IFOAM Organics Europe e o seu socio portugués Agrobio, profundará no sector ecolóxico, as súas estruturas e o seu impulso político-lexislativo na UE.
A cita deste ano ten como obxectivo inspirar aos participantes ensinando iniciativas de representantes e expertos do sector ecolóxico. O evento reunirá oradores de alto nivel e moderadores de toda Europa para falar sobre os desenvolvementos de políticas en alimentos e agricultura ecolóxicos en seis sesións.

O PROGRAMA

16 de xuño:A nova PAC e o Pacto Verde Europeo” e “A agricultura ecolóxica en Portugal”

Despois da apertura do Congreso, a primeira sesión avaliará se a nova PAC e as ambicións nacionais, a través dos plans estratéxicos propostos, están en liña cos obxectivos da UE do Pacto Verde, en particular co obxectivo de alcanzar o 25% de terra ecolóxica para 2030. Despois da pausa para o xantar, discutirase a situación actual da Agricultura Ecolóxica en Portugal, profundando no traballo que se realiza sobre o terreo, vinculando a agricultura ecolóxica coa saúde e a biodiversidade.

17 de xuño: “Secuestro climático na agricultura” e “Sistemas alimentarios máis sustentables”

O segundo día comezará cun panel de discusión sobre se a «neutralidade climática» é un obxectivo realista para o sector agrícola e mesmo se é un obxectivo desexable, dado o enfoque actual na eficiencia e os riscos de compensacións con obxectivos de biodiversidade. Despois desta sesión, discutirase a transición cara a sistemas alimentarios máis sostibles. As iniciativas como o Plan de Acción para a Agricultura Ecolóxica, a contratación pública sustentable e outras iniciativas relacionadas coa estratexia “Da granxa á mesa” serán o tema central da sesión.

18 de xuño:O Novo Regulamento Ecolóxico da UE” e “O desenvolvemento rural”

O último día comezará cun panel de discusión sobre como se implementará o novo Regulamento Ecolóxico (UE) 2018/848 e de que maneira eses cambios técnicos axudarían a alcanzar os obxectivos da UE do 25% en terras en cultivo ecolóxico para 2030. Para finalizar o congreso, e antes do acto de clausura, terá lugar unha sesión sobre como iniciativas como os distritos ecolóxicos (ou biodistritos), os laboratorios vivos e as demostracións agrícolas poden contribuír ao desenvolvemento das zonas rurais e ao éxito do Plan de Acción para a Agricultura Ecolóxica.

Información e inscrición

Fonte da noticia

O coronavirus muda o calendario de feiras ecolóxicas

Celebrada en Núremberg (Alemaña), Biofach abriu o calendario de ferias do Craega en 2020

A pandemia do coronavirus obrigou a cancelar ou pospoñer moitas feiras e encontros de interese para os operadores ecolóxicos, en particular os que estaban programados para o primeiro semestre do ano. Repasamos por orde cronolóxica aqueles nas que ten previsto participar o Craega, ben con estand agrupado ou a través de colaboracións institucionais:

  • Salón Gourmets. Prevista en Ifema (Madrid) do 30 de marzo ao 2 de abril, retrasa a súa celebración a 2021, do 21 ao 24 de xuño. Evento europeo máis importante dedicado en exclusiva a produtos delicatessen, o Craega ía celebrar unha degustación de produto ecolóxico no marco da programación desenvolvida pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).
  • Alimentaria 2020. De carácter bienal, o salón profesional ía ter lugar do 20 ao 23 de abril en Fira Barcelona, pero a organización decidiu pospoñela primeiro ao 14-17 de setembro e posteriormente a maio de 2021. Varias empresas certificadas polo Craega teñen comprometida a súa participación no espazo que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación reserva á produción ecolóxica. 
  • Organic Food Iberia. Tamén dirixida ao público profesional, estaba programada para o 3-4 de xuño en Ifema (Madrid). A raíz do estado de alarma, nun primeiro momento Diversified Communications trasladou a convocatoria a setembro, pero finalmente avogou por cancelar a edición deste ano e fixar a próxima cita entre o 9 e o 10 de xuño de 2021. O Consello tiña previsto acudir cun estand agrupado.
  • Biocultura Barcelona. A Asociación Vida Sana decidiu aprazar a cita a 2021. Convocada do 7 ao 10 de maio no Palau Sant Jordi, nun primeiro momento pospúxose a setembro. Pero finalmente a situación derivada da COVID-19 levou á organización a cancelar a edición deste ano. O Craega tiña previsto participar cun estand agrupado no que se inscribiran 10 operadores certificados.

O sector eco galego abre novos horizontes en Biocultura A Coruña

O Craega acudiu a Biocultura A Coruña coa imaxe da campaña ‘Somos Semente’

Tres intensos días de feria aberta a todos os públicos e moi cerca da casa. O sector eco galego amosou na segunda edición de Biocultura A Coruña (28 e 29 de febreiro e 1 de marzo)  a súa madurez e tivo ocasión de palpar o interese crecente do público local polos alimentos orgánicos. No estand agrupado do Craega, 21 expositores do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) achegaron as súas propostas a consumidores e profesionais procedentes de toda a comunidade.

Para a entidade que se ocupa de controlar e certificar o sector ecolóxico en Galicia, a feira permitiu aliñar no mesmo escaparate un amplo abano de produtos: mel, marmeladas, café, froita, algas, carne, embutidos, cervexa, xeados, pan ou viño. Baixo o paraugas do Consello, compartiron estand Camemorcol; Biowak; Jamones González; Mieles Anta; Bubela Artesá; Galuriña; The Bio Factory; Verín Biocoop; Galletas Daveiga; Cafés Saburido (Sabora); Celtaverde; Conservas do Támega; Maruxas de Nata; Producto de Aldea; Sovoral; Daiquí; Bodegas Corisca; Euro Andean Trading; Adegas Xangall; Mirabel do Rosal-Alén do Val; e Algamar. 

Co apoio da Consellería de Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), o Craega organizou diferentes actividades como show cooking, obradoiros infantís, catas e mesas redondas. 

Organizada pola Asociación Vida Sana, Biocultura A Coruña logrou reunir a 150 expositores dedicados aos sectores da alimentación bio (con máis de 10.000 referencias), cosmética ecolóxica, moda sostible, casa sa, benestar e artesanía. A vindeira cita será en Barcelona do 7 ao 10 de maio. A feira despediuse cun balance superior aos 11.000 visitantes. 

[rl_gallery id=”3836″]