Arquivo da categoría: concurso

Tres centros escolares de Trabada, O Bolo e Santiago gañan o concurso ‘Faite Eco do Lóxico’

A segunda edición do concurso Faite Eco do Lóxico xa ten gañadores. Convocado polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), os premios recaen desta vez no CEIP Celso Currás (Trabada, Lugo), o CEIP O Bolo (O Bolo, Ourense) e o IES Xelmírez II (Santiago, A Coruña). Baixo o título Por que elixir produtos ecolóxicos?, o certame nace co obxectivo de recoñecer o esforzo da comunidade educativa á hora de achegarse a este sector.

Na categoría de Infantil, o traballo elixido é o presentado polo CEIP Celso Currás. O xurado valora a minuciosidade da proposta do centro de Trabada, xa que os nenos elaboraron unha maqueta que reproduce un horto con plastilina e material de refugallo. Co lema Se san queres estar, os nosos produtos ecolóxicos debes probar, os cativos fixeron unha plantación con leitugas, tomates, cabazas e cenoria, entre outros.

O máximo galardón na categoría de Primaria foi parar ao CEIP O Bolo. Aos integrantes do comité de selección chamoulles a atención neste caso a orixinalidade do traballo, un vídeo no que os estudantes interpretan un rap para defender as vantaxes do produto ecolóxico fronte ao convencional. No transcurso da peza, o alumnado do colexio ourensán amosa o arco da vella saudable (con pratos equilibrados incluídos) e o horto do centro.

Xa por último, o galardón na categoría de Secundaria é para o IES Xelmírez II. Co título Consome ecolóxico, os alumnos do instituto compostelán relatan nun vídeo as características deste tipo de produto e o seu sistema de produción.

Os centros premiados recibirán unha cesta de produtos ecolóxicos certificados polo CRAEGA antes de que remate o período lectivo. O curso pasado o gañador foi o CEIP Plurilingüe de Lousada (Guntín, Lugo). 

CHARLAS EN CENTROS DE TODA GALICIA. O certame escolar pon o punto e final ao programa Faite Eco do Lóxico, un programa impulsado polo CRAEGA no marco do Plan Proxecta, iniciativa esta última que parte desde a Consellería de Educación. Dirixido a primaria, ESO, bacharelato e FP, na convocatoria do Consello inscribíronse 46 centros de toda Galicia. Para achegar a agricultura ecolóxica aos máis novos, impartíronse charlas, organízaronse degustacións e enviáronse xogos á maior parte dos centros participantes.

Faite Eco do Lóxico é unha acción promovida polo CRAEGA con axuda do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (FEADER)-Europa inviste no rural e a Xunta.

TRABALLOS PREMIADOS:

1. CEIP Celso Currás (Trabada, Lugo). Ver traballo

2. CEIP O Bolo (O Bolo, Ourense). Ver traballo

3. IES Xelmírez II (Santiago, A Coruña). Ver traballo

Convocada a IV edición dos premios “EcoeLabora-SEAE”

A Sociedad Española de Agricultura Ecológica/Agroecología (SEAE)  publicou as bases da IV edición dos premio EcoeLabora á xeración e xestión do coñecemento e a innovación en agroecoloxía e produción ecolóxica.

Con estes premios, quérese recoñecer a aquelas persoas ou entidades ( elaboradores, agricultores, comercializadores, promotores do consumo, técnicos asesores, investigadores, e autoridades competentes ou de control) que contribúen a desenvolver este modelo Agroecológico e de xestión dos agrosistemas que reúne a produción de alimentos de calidade e a conservación de recursos naturais, considerando a agricultura e a gandería ecolóxica como motor esencial para enfrontar os retos que ten expostos o sector tales como: a conservación e mellora da biodiversidade, a mitigación/adaptación do cambio climático, a soberanía alimentaria, a escaseza de auga e o desenvolvemento rural sustentable e a paisaxe.

A entrega de premios realizarase o 15 de novembro, durante o XIII Congreso de Agricultura Ecológica de SEAE.

Para máis información podes consultar a convocatoria na web da SEAE Convocatoria premios Ecoelabora 2018

 

XXX Catas de Viños e Augardentes de Galicia 2018, inaugurase a categoría de viños ecolóxicos

Onte celebrouse no parador de Santo Estevo de Ribas do Sil, Ourense,  a gala de premios da XXX Cata Dos Viños e Augardentes de Galicia 2018.

No certame participaron máis de 350 marcas amparadas baixo as denominacións de orixe galegas, e repartidas en 16 categorías.

Este ano inaugurouse unha categoría especial para premiar os viños ecolóxicos amparados por este consello, unha importante iniciativa que engade valor e recoñecemento a esta clase de viños e á magnífica labor dos seus produtores.

Desde o Craega felicitamos a Bodegas Corisca por conseguir o 1º posto e Acio de Ouro na categoría, e animamos ás adegas certificadas a participar en futuras edicións.

Lembramos que o 2017 cerrouse cunha superficie de viñedos certificados de 88 hectáreas, tendo adegas inscritas en tódalas denominacións de orixe de Galicia.

Xa temos colexios gañadores no concurso “ Fai Eco do Lóxico”

A primeira edición do concurso Fai Eco do Lóxico, dirixido ós centros participantes no Plan Proxecta > Aliméntate Ben > Modalidade Fai Eco do Lóxico, xa ten gañadores!

Os proxectos presentados son o resultado dunha gran labor realizada por alumnos e profesores durante o curso, onde se abordan as actividades desenvolvidas dentro da modalidade, que ten como obxectivo concienciar a través do coñecemento dos beneficios dos produtos ecolóxico, para a natureza e para nós, e fomentar una alimentación saudable.

Con esta iniciativa apoiamos a educación en alimentación e no coidado do noso entorno, o cal que é moi importante preservar.

Os centros crearon ecohortos, prepararon unhas saudables e ricas ecoreceitas, deron degustacións, aprenderon o etiquetaxe que diferencia estes produtos, traballaron nalgúns casos con as súas familias, e divertíronse. Todas estas actividades as podedes ver a continuación.

Parabéns polo excelente traballo de tódolos participantes!

Os colexios gañadores foron:

  1. CEIP Plurilingüe de Lousada. Eco documental
  2. CEIP Padre Crespo: Somos o que comemos
  3. CEIP Rubiáns: O horto de sabela
  4. CEIP Ramón Mª del Valle Inclán: O Ecolóxico do aquén e do aquel

Podes ver os proxectos premendo no seu título.