Arquivo da categoría: Cociña eco

Cociña eco… cun menú delicioso con sabor a nostalxia

No número 59 da revista do Craega volveu o trío Indo e Vindo Gastronomía, formado por Rocío Garrido, Fran Jamaro e Coque Fariña, para ofrecernos tres receitas sinxelas e deliciosas na sección de “Cociña Eco”. O primeiro prato é un bocado de polo con verduras; de segundo, “un bo guiso dos que nos facían as nosas avoas, cociñados con tempo e agarimo… que permanecen na memoria dos nosos padais”, tal e como nos di Rocío, e para rematar, un doce ao que non poderedes resistirvos.

Receitas completas publicadas na revista 59.

Cociña Eco… Coas receitas de outono de Ir e Vindo Gastronomía

No novo número da revista do Craega contamos con Indo e Vindo Gastronomía, o trío formado por Coque Fariña, Fran Jamardo e Rocío Garrido. Para esta ocasión, trouxéronnos uns pratos propios para esta época de outono. A primeira proposta é un prato de culler tradicional, pero cun toque moi persoal: lentellas con verduras e cabaza asada. Para a segunda, hau que poñerse coas mans na masa para crear unha empanada de zorza con queixo en canutillos.

Para saber como elaborar estes pratos, só tedes que ler os pasos que nos ensinan estes expertos da cociña na sección de Cociña Eco.

Ensalada de lacón de porco celta con ovo escalfado e vinagreta á galega con castañas asadas

 

INGREDIENTES/PERSOA:

  • 80 gramos de brotes tenros de leituga, espinacas, remolacha, rúcula…
  • 1 ovo enteiro
  • 50 gramos de lacón cocido
  • 5 castañas asadas
  • 1 culleriña de pemento doce
  • Cantidade suficiente de aceite de oliva virxe extra
  • 1 culler de vinagre de mazá
  • Sal
  • Pementa negra moída c/s
  • Pemento doce para decorar

ELABORACIÓN:

  • Lavamos os brotes tenros e deixámolos na neveira en auga con xeo durante unha hora para que estean moi crocantes.
  • Escalfamos o ovo e para iso pomos auga a ferver con sal e un chorriño de vinagre. Cando a auga ferva, apagamos o lume e engadimos o ovo sen casca, arroupamos a clara ao redor da xema para que resulte máis bonito e tapamos.
  • Deixamos cocer durante tres minutos. Retiramos o ovo e introducímolo en auga fría con xeo.
  • Preparamos a vinagreta quentando o aceite de oliva, incorporamos o pemento doce con coidado de que non se nos queime e deixamos repousar para poder decantar o aceite e eliminar os restos do pemento. Cunha medida de vinagre disolvemos o sal e incorporamos o aceite de oliva virxe de pemento. Engadimos as castañas asadas peladas e picadas á vinagreta.
  • Escorremos os brotes e mesturámolos cun pouco de vinagreta, colocámolos no prato e enriba engadimos as lascas de lacón e no medio un ovo escalfado ben escorrido.
  • Salseamos coa vinagreta e poñemos anacos de castañas por riba. Empoamos un pouco de pemento doce e servimos.

Descarga a ecoreceita en PDF en este enlace.