Todolos artigos de: CRAEGA

A Rede Europea de Desenvolvemento Rural convoca os Premios de Inspiración Rural 2022

A Rede Rural Nacional será a entidade encargada de xestionar a participación na 4.ª edición dos Premios de Inspiración Rural 2022 que convoca a Rede Europea de Desenvolvemento Rural (ENRD), que este ano ten  como leitmotiv “O futuro é a mocidade”, inspirado polo Ano Europeo da Mocidade,  desenvolto pola Comisión Europea.

Estes premios outorgaranse a catro categorías temáticas: futuro verde, futuro dixital, futuro resiliente e futuro socialmente inclusivo e innovador. Ademais, haberá unha quinta por votación popular, que premiará un proxecto preseleccionado, que implique a menores de 40 anos e que será sometido a votación pública.

Todos os proxectos deben ser financiados polo Feader ou o Feaga no período 2014-2022 e terán que estar finalizados, por regra xeral. Desde a ENRD seleccionaranse os 24 candidatos e os 5 gañadores.

Para presentar a candidatura, é necesario encher a ficha coa información dos proxectos e enviala, ata o 30 de xuño (incluído), ao correo redrural@mapa.es.

Pódese solicitar máis información á Antena Rexional, que no caso de Galicia é a través de antenarrn.Galicia@tragsa.es

Produtos eco por terra e por mar, na Feira Salimat 2022

A 44.ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia celebrarase do 2 ao 5 de xuño e acollerá, un ano máis, a Feira Salimat, na que o Craega formará parte do programa de actividades, a través das “experiencias de calidade da Agacal,  e da Consellería do Mar, co obxectivo de darlles cabida aos produtos certificados eco procedentes do mar e da terra. 

EXPERIENCIAS CULINARIAS CON PRODUTOS ECO

O xoves, 2 de xuño, ás 18:30 horas, terá lugar unha cata-degustación de Castaña de Galicia,  na que participa o Consello; o menú será elaborado por Criselda Iglesias, da Tapería Lecer (Cangas do Morrazo, Pontevedra). 

O sábado, 4 de xuño, entre as 13:45 e as 14:30 h poderase asistir a outra “experiencia de calidade” na que estará presente o Craega: a Masterclass Ternera Gallega-Buey Gallego, de novo a cargo da chef Criselda Iglesias, na que, ademais do noso, estarán outros selos distintivos de calidade alimentaria galega. 

O domingo, 5 de xuño, a etiqueta ecolóxica visibilizarase en dúas experiencias: a primeira, ás 11:30 h, con “produtos da terra”, e ás 15:00 h terá lugar a segunda: unha degustación de produtos de agricultura ecolóxica, da man de José Manuel Mallón, chef de Remollo Espazo Gastronómico (Ames, A Coruña), na que, ademais, haberá unha charla divulgativa sobre o labor que realiza a nosa entidade.

GALICIA SABE A MAR: ECOLÓXICOS A MARES

O selo de certificación eco tamén está incluído no programa de actividades da Consellería do Mar, que asistirá á feira con expositor propio, no que promoverá a campaña “Galicia sabe amar”, En concreto, o Craega colaborará o xoves 2 de xuño, de 18:00 a 19:00 h, xunto ao restaurador José Manuel Mallón, quen preparará unha cata baixo o lema “Galicia sabe amar: ecolóxicos a mares”, acompañada de sidras de produción ecolóxica. 

Podedes consultar todas as actividades do evento aquí.

Unha cervexa ecolóxica, primeiro produto amparado polo selo de calidade de artesanía alimentaria

A cervexa ecolóxica Toupiña, producida por Kalinka Lagazós SL (Lagazós, Lalín), é o primeiro produto amparado polo selo de calidade da artesanía alimentaria. O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, puxo en valor onte en Lalín este distintivo, que serve para diferenciar as producións do agro e do mar que se elaboran de xeito tradicional, así como protexer os seus produtores.

A obtención deste produto ecolóxico, elaborado con ingredientes cultivados na propia explotación do operador (cebada e lúpulo), réxese pola norma técnica relativa ás cervexas artesás, aprobada en marzo xunto con outras 13, para facer públicos unha serie de requisitos que buscan garantir a elaboración tradicional e unha coidada presentación, acorde coa súa condición de produtos que pretenden formar parte dos da gama gourmet.

O CFEA de Monforte acolle unha xornada sobre agricultura orgánica o 31 de maio

O 31 de maio terá lugar no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos unha xornada sobre técnicas de agricultura orgánica aplicadas a fruticultura e outros cultivos. A cita, organizada pola Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), será de 10:00 a 14:15 horas.

O eixe central desta formación é a sustentabilidade e a resiliencia do medio rural, así como a rexeneración de terras pola súa relación coa saúde dos cultivos. Na sesión mostrarase a importancia da agricultura orgánica co obxectivo de que os asistentes entendan e compartan a interacción entre técnicas e prácticas sustentables co desenvolvemento, non só das súas producións, senón tamén do seu ambiente.

O programa formativo iniciarase tratando a saúde do solo e a teoría da trofobiose, seguindo co repouso vexetativo e os caldos minerais e a poda e os tratamentos cicatrizantes. Seguidamente, falarase da elaboración de caldo sulfocálcico e de biofertilizantes, para rematar cunha receita de microorganismos.

Para asistir, é preciso cubrir a inscrición e enviala ao correo electrónico ceca.monforte@edu.xunta.gal.

Aberto o prazo de inscrición para o curso sobre xardinería ecolóxica de Bergondo

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), celebrará en Bergondo un taller temático sobre xardinería ecolóxica do 30 de maio ao 2 de xuño, en horario de 16:00 a 20:00 horas. O curso terá lugar no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo.

Ao longo de 16 horas lectivas, daranse a coñecer as técnicas empregadas en xardinería ecolóxica, os conceptos e métodos de control biolóxico das principais pragas e a normativa europea e española ao respecto. A formación consta tamén dunha parte práctica na que os participantes poderán aplicar as técnicas ensinadas.

A iniciativa está destinada a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A solicitude de preinscrición pode realizarse a través da páxina da Xunta e debe enviarse ao correo electrónico cfea.guisamo@edu.xunta.gal.

Rexistrada a primeira organización de produtores de leite ecolóxico de España

A Asociación de Produtores de Leite Ecolóxico de Galicia funcionou como tal desde o seu nacemento en 2019 e agora dá un paso máis, logo de crecer en socios e produción. Recentemente rexistrouse como organización de produtores de leite (OPL) ecolóxica para empezar a operar. Trátase da primeira OPL específica de leite ecolóxico en España.

A OPL terá o seu ámbito de actuación a nivel de Galicia. Actualmente, a asociación conta con 34 ganderías socias e cunha produción de 12 millóns de quilogramos de leite. Delas, 29 ganderías con máis de 9,7 millóns de quilogramos de leite integrarán a OPL.

Como referencia, a OPL aglutina ao 12,4 % das explotacións de bovino de leite en España, así como o 20 % de produción de leite cru española (últimos datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, 2020).

O principal obxectivo da OPL é mellorar o propio sector, optimizando os custos de produción e mellorar as condicións para os socios. Para iso contará co persoal técnico, administrativo e medios necesarios cos que darán apoio ao sector.

A asociación convida aos gandeiros de produción ecolóxica a sumarse á iniciativa, xa que poderán acceder a formación adecuada, apoio técnico, interlocución coa Administración e coa industria, entre outros beneficios.

Brión acollerá dous cursos sobre sementes hortícolas locais das comarcas de Santiago e Barbanza

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza dous cursos sobre sementes hortícolas locais no municipio coruñés de Brión, en concreto terán lugar na Aula da Terra do centro comercial Monte Balado; un deles comeza  o vindeiro 24 de maio e o segundo, ao día seguinte, cunha duración en ambos os casos de 60 horas lectivas en total. 

Estas sesións formativas están dirixidas a calquera persoa vinculada cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozas e mozos do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

O obxectivo é dar a coñecer as variedades das comarcas de Santiago e Barbanza, e trataranse outros temas como a correcta plantación en invernadoiros ou fincas ao aire libre, así como tratamentos ecolóxicos preventivos ou a rotación de cultivos.

Para asistir cómpre cubrir o formulario e envialo ao correo electrónico cursos.agacal.sergude@xunta.gal.

Os produtos ecolóxicos certificados polo Craega conquistan BioCultura Barcelona

Foto: BioCultura

O Palau Sant Jordi celebrou a 28ª edición da BioCultura Barcelona do 5 ao 8 de maio. O sector deuse cita na feira de produtos ecolóxicos e consumo responsable, que recibiu unhas 50.000 persoas. 

Co xa habitual slogan “Bos para a natureza, bos para ti”, o Craega tamén puxo o seu gran de area neste evento, ao que asistiron, baixo o seu paraugas, varios produtores certificados: Bubela Artesá, Capitán Alga, Celebridade Galega, Porto-Muíños, Terra de Baronceli, Los Sabores del Camino, Algas La Patrona, Sovoral e Galuriña, ademais de Orballo e Algamar, que contaron con expositor independente.

Entre as actividades, a novidade do ano era “O Manicomio”, unha sala coordinada polo equipo de The Ecologist que concentrou as propostas culturais desta edición: debates, presentacións de libros, concertos, sesións de relaxación á hora da sesta e ata pases de películas de ecoloxía profunda e inmersiva.

UN SECTOR CON FUTURO

O sector ecolóxico demostrou que é o presente e tamén o futuro e nesta nova edición de BioCultura Barcelona corroborouse que é máis resistente e perdurable. Ángeles Parra, directora da feira e presidenta de Vida Sana, afirmou que “tiñamos moitas ganas de volver a unha feira alegre tras a pandemia. Foi un pracer que expositores, profesionais e consumidores se coñecesen de forma presencial, in situ“. Así mesmo, sinalou a grande aposta por unha alimentación ecolóxica, local, o máis artesá posible:  “É a mellor alimentación para os nosos organismos e para o planeta, pero tamén é a mellor para a nosa economía”.

Para Parra esta edición “certificou que este sector é o futuro, pero tamén o rabioso presente, xa que ten un público fiel e asiduo e resistimos mellor as crises que outros sectores que contan co apoio institucional”.

Máis información  en Bio Eco Actual

O Craega participa na 1.ª Reunión Anual Presencial do Proxecto AE4EU

O Edificio Cactus da Escola Politécnica Superior de Enxeñería da Universidade de Santiago de Compostela (EPSE) acolleu a 1.ª Reunión Anual Presencial do proxecto AE4EU (Agroecology for EU) do 3 ao 5 de maio. O mércores 4, no marco do taller de transferencia e deseño da folla de ruta para unha exitosa transición dos sistemas agrarios cara á agroecoloxía, tivo presenza o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). O seu secretario, Javier García, presentou o proxecto Desenvolvemento de produtos elaborados en base a carne de vacún de raza autóctona con certificación ecolóxica. O traballo mostrouse ante o equipo de investigación que dirixe Rosa Mosquera, catedrática do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñería da USC na EPSE. 

AGRICULTURA ECOLÓXICA PARA EUROPA 

AE4EU é un estudo europeo, cunha duración de 3 anos, que comezou en xaneiro de 2021 e ten como obxectivo permitir unha transición exitosa dos sistemas agrarios cara á agroecoloxía. Pretende crear unha rede europea sólida na que actores de diversos sectores deseñen e desenvolvan estratexias e accións conxuntas que permitan facer fronte aos retos aos que se enfrontan a agricultura e os sistemas alimentarios europeos.

PROXECTO DO CRAEGA

O obxectivo do estudo exposto por Javier García é pór a punto a produción galega dos transformados cárnicos de vacún a partir de carne de tenreiros de razas cachena, rubia galega e frieresa, criados en réxime ecolóxico. Desenvólvese nas provincias de Lugo e Ourense conxuntamente entre o Craega e a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne.

Tras a selección das explotacións de vacún ecolóxico e das tres razas autóctonas, nunha terceira fase analizouse a calidade da carne a través de análises físico-químicas e nutricionais. Logo elaboráronse os produtos tasajo e chacina, que se deron a probar a consumidores e colaboradores.

 

Os resultados obtidos mostran que as explotacións enquisadas se caracterizan por non utilizar antibióticos e manter un bo estado sanitario, cumprindo coas normas e recomendacións de benestar animal vixentes para a produción ecolóxica. Non se observaron diferenzas importantes na composición química, a cor ou a textura, pero si nas concentracións de ácidos graxos esenciais entre as diferentes razas: a carne de cachena ten maior contido en ácidos graxos poliinsaturados; a de frieiresa, maior pH e, por tanto, maior capacidade de retención de auga, e a de rubia galega, menor infiltración de graxa. Así mesmo, a variabilidade na composición e, especialmente, nos atributos sensoriais dos transformados cárnicos revela un amplo mercado no que poderían asentarse estes produtos ecolóxicos de elevada calidade organoléptica. Ademais, conséguense cumprir varios dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS).

 A Xunta destina 1,9 millóns de euros á agricultura ecolóxica

O Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), organismo dependente da Consellería do Medio Rural, realizou as transferencias a 3.670 persoas beneficiarias das axudas de agroambiente e clima e de agricultura ecolóxica, correspondentes á campaña de 2021 da Política Agrícola Común (PAC).

Do montante, que suma máis de 14,3 millóns de euros, 12,3 millóns correspóndense ás axudas de agroambiente e clima, que benefician a 3.434 agricultores e gandeiros. En canto ás axudas de agricultura ecolóxica, o importe ascende a máis de 1,9 millóns de euros para 236 produtores.

AMPLIACIÓN DO PRAZO DE SOLICITUDE DA PAC 2022

A Xunta de Galicia ampliou ata o 13 de maio o prazo de presentación da solicitude da PAC para este ano. A dotación para esta campaña é duns 210 millóns de euros, dos cales 170 corresponden a pagos directos e os restantes 40 a medidas de desenvolvemento rural, cun aumento de cinco millóns de euros respecto da anterior convocatoria.