Todolos artigos de: CRAEGA

Silvia García e Iván Raña, vencedores do III Tríatlon Mar de Muros

O pasado sábado 12 de xuño, celebrouse na vila coruñesa de Muros o III Mar de Muros Tríatlon-Trofeo Iván Raña, a primeira das probas que contou co patrocinio do Craega tras o convenio asinado coa Fegatri. A proba contou con 156 participantes inscritos e os vencedores foron Silvia García e o propio Iván Raña.

Raña marcou diferenza dende o comezo e foi o único participante que conseguiu baixar dos 10 min na proba de natación.  

Pola súa banda, na categoría feminina a primeira no podio foi Silvia García, deportista do Artrogal Tri 498, e xunto a ela subiron Alba Muñiz e  Antía González. 

 

Consulta as clasificacións

Lembrámosvos que o  sábado 26 de xuño terá lugar a primeira proba clasificatoria: o X Tríatlon Concello de Poio, praia de Lourido (Poio, Pontevedra).

 

 

O mel eco, en crecemento con máis de tres millóns de colmeas ecolóxicas en todo o mundo

O mel foi recoñecido durante séculos polos seus valores nutricionais. A crecente demanda de produtos naturais con beneficios saudables é o principal motor do crecemento do mercado de mel ecolóxico, cada vez máis grande e consolidado a escala internacional.

De acordo co último informe The world of organic agriculture do FiBL, hai máis de tres millóns de colmeas ecolóxicas en todo o mundo, o que representa aproximadamente o 3,4 % do total. A gran maioría sitúanse en Europa, o 47 %. Este continente é o maior actor do mercado mundial, cun valor de 67 millóns de dólares e unha cota de mercado do 39 %.

O mel é o principal produto de orixe animal importado no mercado ecolóxico, cunha cifra de case 18.000 toneladas importadas en 2019, segundo subliña o informe. Paralelamente, tamén aumentou o número de lanzamentos de produtos de diferentes tipos, sabores e envases.

CERTIFICACIÓNS ECO, GARANTÍA DE CALIDADE

A apicultura ecolóxica está en auxe e seguirá crecendo a escala mundial. Un dos retos principais do sector é o proceso de conversión da industria convencional aos sistemas ecolóxicos. Actualmente hai moitos países que fabrican mel ecolóxico certificado. Na Unión Europea as certificacións réxense polo cumprimento de normas ineludibles: colmeas que deben estar situadas en terreos que aseguren que nun radio de 3 quilómetros as fontes de néctar e pole estean constituídas de cultivos eco ou, no seu caso, de vexetación silvestre. Así se garante unha distancia suficiente para evitar a contaminación das colmeas por praguicidas e herbicidas e asegurar a saúde das abellas.

Cabe destacar que no Consello Regulador contamos con 46 operadores que ofrecen este delicioso produto en diferentes variantes: 2 na Coruña; 14 en Lugo; 22 en Ourense e 8 en Pontevedra. 

Información completa en Bio Eco Actual 

Unha decena de granxas eco ofrécense para acoller prácticas da FP Dual de Produción Agroecolóxica no IES de Arzúa

A falta de man de obra cualificada para traballar no campo fai que sexa un problema en granxas ecolóxicas e nas que non o son. Cada vez son máis os coñecementos técnicos e zoosanitarios que teñen que ter os traballadores dunha granxa gandeira ou agrícola.

Desde o IES de Arzúa propuxéronlle a Jesús Valiño, da Granxa Ecolóxica Figueroa, ser unha das empresas susceptibles de ofrecerlles prácticas aos alumnos e alumnas dun ciclo de FP Dual de Produción Agroecolóxica que teñen pensando poñer en marcha no centro. Valiño non o dubidou. Non foi o único ao que valoraron na comarca, na que naceron varias explotacións que apostan polo modelo ecolóxico. Pilar Castro de A Curiscada, outra das empresas que ofrecerán prácticas, resalta a importancia de atopar xente profesional e máis nunha zona tan produtora. Castro é socia da SAT Lactear, formada pola Ganadería Pear SC e Casa do Xordo, que tamén confirmaron a súa participación no proxecto.

Estas ganderías forman parte das dez empresas que, nun principio, subscribirán un acordo polos dous anos que dura o ciclo para ofrecerlles prácticas aos alumnos. E son elas mesmas as que seleccionarán os estudantes nunha entrevista psicosocial na que tamén estarán presentes docentes. A FP Dual está confirmada, mais falta coñecer as prazas que ofertarán e como será o proceso de acceso. A partir do 25 de xuño abrirase un prazo para presentar as demandas ata o 2 de xullo. Logo publicarase unha listaxe provisional e, tras pechar o período de reclamacións, será cando as empresas colaboradoras da comarca realicen as entrevistas das que sairán os alumnos admitidos para realizar esta FP.

Información de “Somos Agro”,  La Voz de Galicia

A SEAE presenta un mes de xuño cheo de eventos

Desde a SEAE ofrecen un mes de xuño completo de eventos interesantes para o sector ecolóxico. As inscricións para as diferentes citas están abertas e son totalmente gratuítas.

NOVOS RETOS PARA AS SEMENTES EN PRODUCIÓN ECOLÓXICA

Este seminario online celébrase o mércores 9 de xuño a partir das 10:00 horas. O programa completo e inscricións pódense realizar na páxina web. O evento está organizado conxuntamente con Ecovalia no marco do proxecto Liveseed.

EXPERIENCIAS DESDE A AGROECOLOXÍA: GANDERÍA ECOLÓXICA E GANDERÍA REXENERATIVA

Esta cita, organizada xunto a Agroecology Europe, tamén se celebrará o mércores 9 de xuño, a partir das 18:00 horas. Inscripción.

XXIX XORNADAS TÉCNICAS DE SEAE: “UNHA SAÚDE, UN PLANETA, UN MUNDO RURAL DIVERSO”

Estas xornadas serán do 28 do presente mes ata o 1 de xullo. Celebraranse de forma presencial, cada día nun lugar, e online. Toda a información.

Milenrama, un local onde te coidan con produtos eco

En Chantada atopamos a herboristería Milenrama, que xa conta con máis de 17 anos de vida. Está rexentada por Pilar Vázquez Capón, quen colleu a mesma herboristería, pero situada noutro punto da vila. “Cando a empecei, estaba facendo auxiliar de Farmacia e sempre lle dicía a dona que cando se xubilase quería tela”. Dous anos despois mudouse a onde está agora. Esta tenda de proximidade viu incrementados os seus ingresos no período forte da pandemia, “pero agora xa volvemos á clientela de sempre, que non me podo queixar xa que funciona moi ben”. 

Cando empezou non contaba nin coa metade dos produtos que ten agora, só eran herbas e algo de alimentación. “Púxenme ao día no tema e fun medrando, tamén porque a demanda aumentou”. A alimentación segue sendo o punto forte, aínda así agora conta con variados produtos, chegando incluso a cosmética “que cada vez ten máis éxito”, indica Vázquez. 

En canto á clientela, ao longo dos anos foi variando. Nun principio era máis xente maior, agora de mediana idade. “Hai persoas que veñen porque queren produtos ecolóxicos que só os atopa aquí e outra que lle dá un pouco igual o tema eco, pero interésalles algún en concreto”, explica. Engade que “cada vez búscanse produtos que sexan o máis naturais posibles, a xente está máis concienciada, quere coidarse máis…”. Ademais, apunta que as redes sociais serven para promover produtos “que moitas veces non sabemos se son eficaces; aquí chega moita xente preguntando se hai un en concreto que viu na rede”, comenta. 

Na tenda conta con máis dunha decena de produtos que teñen o selo do Craega, logo tamén ten moitos de Galicia que aínda están sen certificar. Traballan con múltiples marcas que contan co selo, entre elas: Milhulloa, Orballo, Chorizo Calabizo ou Euro Andean Superalimentos, e outras moitas máis. “Os certificados danlle seguridade a moita xente, hai persoas que xa buscan que teñan algún selo e outros, simplemente  miran que non estean testados en animais”.

Malia que o prezo poida ser un dos puntos negativos que teñen os produtos ecolóxicos, “ hai que pensar que se paga pola calidade; eu entendo que si son máis caros, pero tamén son alimentos saudables e distintos”, recalca. Outro punto en contra que teñen as herboristerías é que “cada vez máis, este tipo de produtos xa se poden atopar nos supermercados ou na internet, xa non temos a exclusividade como antes, que se querías algo disto, só podías telo aquí”, comenta Vázquez. Aínda así, estes locais ofrecen un servizo máis de preto, “nós xa coñecemos á xente, podemos explicarlle as vantaxes e desvantaxes de cada produto, é moi diferente o trato”. 

ASESORAMENTO NUTRICIONAL

Dende hai unha década conta con servizo de nutricionista. “Empecei con rapazas que buscaban montar algo e pareceume boa idea, logo ían marchando porque atopaban algo noutro sitio; tamén contei con nutricionistas dalgunha marca que vendía os seus produtos e desde hai dous anos teño a persona que está agora”, explica. Engade que a profesional, Tamara Rivas, ten as citas varios días á semana co obxectivo de ofrecerlles ás pacientes unha vida máis saudable. 

Gandeiros e agricultores recibiron da Xunta preto de 15 millóns de euros polas axudas agroambientais e de agricultura ecolóxica da PAC

Un total de 3.977 gandeiros e agricultores galegos recibiron da Xunta case 15 millóns de euros correspondentes ás axudas agroambientais e de agricultura ecolóxica da campaña de 2020 da Política Agrícola Común (PAC). En concreto, polas achegas de agroambiente e clima repartíronse 12,9 millóns e polas de agricultura ecolóxica algo máis de dous millóns de euros. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), dependente da Consellería do Medio Rural, que permite consultar estes beneficiarios, así como o importe das axudas concedidas. Cómpre sinalar que estas achegas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Por último, cómpre lembrar que todos os que queiran consultar os beneficiarios das axudas agroambientais e de agricultura ecolóxica da PAC 2020, así como os importes concedidos, poden descargar a aplicación móbil Sga@pp e revisar as resolucións completas das solicitudes indicadas.

DOG completo

A campaña ‘Come Local 2021’ conta con páxina web propia e un mapa interactivo

A Xunta, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), impulsa por segundo ano consecutivo a campaña “Come Local” nos comedores escolares galegos no marco da canle #Mercaproximidade. Slow Food Compostela é a encargada de promover os produtos dentro das DOP, IXP e da agricultura ecolóxica de proximidade, nos que se inclúen alimentos proporcionados polo Craega, para seguir na súa liña de transparencia e fomentar o produto galego de pequenos produtores. Este cometido estase a levar a cabo en 20 centros escolares repartidos polas catro provincias galegas, entre eles, os Comedores Escolares distinguidos como km 0.

Agora acaba de ver a luz a súa propia páxina web, na que recollen toda a información do desenvolvemento desta campaña, ademais dun mapa interactivo no que se poden ver os centros que participan por provincias, que menú puideron degustar e quen foi o encargado de facelo. Segundo vaian participando os centros, o mapa irase actualizando.

Ata o vindeiro 31 de outubro, Agacal impartiralles formación e asesoramento aos responsables de comedor. Non só se trata de degustacións de menús especiais elaborados con produtos de proximidade galegos senón que tamén se desenvolverán actividades formativas, tanto sobre as características nutricionais dos propios produtos como o impacto que supón o consumo de produtos certificados na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU (ODS).

Nesta campaña elixíronse centros con proximidade a posibles provedores de produtos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida ou ecolóxicos para poder acceder a recoñecementos como o de “Comedores km 0”. Outro criterio para a elección dos centros foi a de considerar os distintos sistemas de xestión tanto educativa como do comedor e, así, na campaña participan centros escolares públicos, concertados, comedores xestionados por ANPAS ou os servizos de catering.

Visita o mapa interactivo

O Congreso Ecolóxico Europeo terá como tema central o camiño cara a un sistema alimentario máis sostible

Congreso Ecolóxico Europeo 2020 (formato online)

Unha nova edición do Congreso Ecolóxico Europeo, na que o Craega participará a través da asociación Intereco,  quenta motores. Organizado por IFOAM Organic Europe e o seu socio portugués, Agrobio, terá lugar on line en directo desde Lisboa os días 16 ao 18 de xuño deste ano.

O Congreso de 2021 reunirá as partes interesadas na agricultura ecolóxica de toda Europa para falar da evolución das políticas en materia de alimentación e agricultura ecolóxica. O evento cubrirá a aliñación dos plans estratéxicos da PAC co Pacto Verde da UE, os cambios esperados no novo Regulamento para a produción ecolóxica da UE, a contribución do ecolóxico á mitigación do cambio climático, os sistemas alimentarios sustentables e o desenvolvemento rural.

Esta edición do Congreso é gratuíta e as prazas son limitadas. Os profesionais xa poden inscribirse na web do congreso e reservar o seu asento virtual.

Para participar podes rexistrarte de balde   aquí   

Información completa en Bio Eco Actual

A Xunta convoca a quinta edición dos premios Exceleite

Imaxe da entrega de premios na pasada edición

A Xunta de Galicia convoca os premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores galegos de leite cru de vaca, coñecidos como premios Exceleite. É a quinta edición destes galardóns que tratan de recoñecer os gandeiros máis comprometidos co seu traballo e, por tanto, coa calidade do leite que producen.

Os premios distinguen as granxas en tres categorías en función do seu tamaño (pequenas, medianas e grandes) e, á súa vez, cada unha delas se subdivide en tres grupos, segundo o seu sistema de produción (intensivo, semiextensivo ou extensivo). Por outra banda, tamén hai un recoñecemento para as mellores explotacións ecolóxicas.

Optarán a estes galardóns as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realicen os autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal). As explotacións deberán estar de alta no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) e, no caso das ecolóxicas, deberán estar inscritas no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), entre outras características técnicas.

Premiaranse aquelas dúas explotacións, cos premios Exceleite de ouro e Exceleite de prata respectivamente, sen incidencias na visita do comité de avaliación, aplicando rigorosamente a súa posición na puntuación lineal obtida. A mesma metodoloxía empregarase coas dúas primeiras explotacións ecolóxicas da puntuación lineal.

PREMIOS 2020

Na edición celebrada o ano pasado, na categoría das explotacións ecolóxicas, as galardoadas foran Granxa Casa Codesal (Friol) e Granxa Ecolóxica Figueiroa SC (Arzúa), ambas certificadas polo Craega. As dúas poden presumir de producir os mellores leites bio de Galicia, pero cabe destacar que en todas as edicións deste certame Casa Codesal sempre conseguiu un dos premios.

Máis información

A nosa revista de primavera estrea cabeceira

Xa tedes á vosa disposición a edición dixital do número 56 da nosa revista, que ve a luz cun novo formato, e faino co balance do Barómetro de consumo ecolóxico 2020, cuxa presentación tivo lugar en Monforte, onde aproveitamos para conversar con José Luis Carbarcos, o director xeral da Agacal, quen nos falou do traballo que están a levar a cabo para potenciar a agricultura eco. Tamén recollemos unha completa reportaxe do que foi a conferencia sobre o Plan de acción ecolóxico europeo, que se retransmitiu desde a web da Asociación Española de Elaboración y Comercializadores Ecológicos (Asobio).

A reportaxe deste número está dedicada a cinco mulleres emprendedoras da Ulloa que crearon a marca de cosmética ecolóxica Muuhlloa a partir de dúas empresas certificadas polo Craega, Granxa Maruxa e Milhulloa.

Martín Mantilla, restaurador de Berso e colaborador habitual do Consello, é o protagonista da entrevista desta edición, na que nos relata, entre outras moitas cousas, como foron os comezos en pandemia e cal é o truco do seu éxito.

Na nosa sección de cociña eco podedes atopar nos fogóns á editora de La Cocina de mi Abuelo, Rocío Garrido, quen nos ensina a preparar un menú completo e delicioso e moi sinxelo!

E, coma sempre, recompilamos varias novas breves do sector dos últimos meses, así como os eventos que están próximos a celebrarse e novas convocatorias de premios.

A revista completa está dispoñible en formato dixital, preme nesta ligazón.