A campaña do MAPA “Aquí somos eco-lóxicos. Nada que esconder” xa está en marcha

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) deu a coñecer hoxe a nova campaña “Aquí somos eco-lóxicos. Nada que esconder”. Con este lema busca afianzar a confianza dos consumidores na excelencia e calidade dos alimentos ecolóxicos.

Durante a presentación desta iniciativa, o ministro Luis Planas, resaltou que esta campaña pon o acento na transparencia, a trazabilidade, a certificación e o etiquetado. Por iso, considérase fundamental que o consumidor perciba a certificación comunitaria da EuroHoja como un identificativo que asegura a calidade con total  garantía dos produtos ecolóxicos en cada etapa do proceso de produción. Para iso, hai ferramentas de certificación e etiquetado que actúan como o “carné de identidade” que axuda aos consumidores a diferenciar os alimentos ecolóxicos garantidos.

No acto tamén expuxo algúns datos, como que en España o 10 % da superficie xa é ecolóxica. “Isto coloca a España nunha posición privilexiada para poder cumprir co obxectivo da estratexia “Da granxa á mesa” de lograr un 25 % da superficie ecolóxica en 2030″.

Así mesmo, en termos de produción, os alimentos ecolóxicos ofrecen máis valor e mellor remuneración a agricultores, gandeiros e pescadores. É preciso concienciar a cidadanía dos beneficios que achega este tipo de alimentos. Planas explicou que esa “é a razón pola que o MAPA asume a tarefa de fomento do consumo nacional. Temos que conseguir, ademais, que os alimentos ecolóxicos estean ao alcance de todos os petos”.

O sector ecolóxico tamén formou parte deste evento de presentación e a el dirixiuse o ministro para agradecerlles a estreita colaboración na ideación e deseño desta campaña e animouno a continuar pola mesma senda de entendemento co obxectivo compartido de transformar o noso sistema alimentario e facelo máis sostible, xusto e equilibrado.

información completa