Cerca de 30 empresas do Craega, no Fórum Gastronómico A Coruña

O chef J.M. Mellón, esquerda, co secretario do Craega, Javier García Lozano, durante o showcooking eco celebrado no Fórum Gastronómico de A Coruña

O sector ecolóxico galego tivo especial protagonismo no Fórum Gastronómico da Coruña. Arredor de 30 inscritos no Craega sumáronse á que está considerada unha cita clave entre os profesionais do sector. 19 contaron con stand propio e o resto incorporáronse a diferentes espazos como o Wine Circus Fórum Viño, Cook Trends ou o Mercado de la Cosecha. Houbo representantes de todos os sectores: leite e derivados, marmeladas, cafés, aceites, carnes, viños e cervexas e un longo etcétera.

Ademais, o Consello ofreceu un showcooking no marco do programa de actividades Galicia en Cata, organizado pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal). Presentada polo secretario do Craega, Javier García Lozano, de cociñar os diferentes petiscos encargouse o chef J.M. Mellón. Os asistentes tiveron a oportunidade de degustar tosta de sardinilla eco fritida con algas de produción ecolóxica, polo campero de produción ecolóxica con verduriña e escuma de iogur de produción ecolóxica con xelatina de Mel de Galicia

Catalina Fernández (Hifas da Terra): “O sector eco precisa crer en si mesmo para facer de Galicia unha gran potencia”

Catalina Fernández de Ana, fundadora e directora xeral de Hifas da Terra (Foto: HdT)

Os cogomelos serven para algo máis que para facer un revolto. Aínda que o uso culinario é o máis popular, agochan grandes beneficios para a saúde. Empréganse como complemento en terapias oncolóxicas, cardiovasculares ou hepáticas e tamén son o ingrediente segredo de produtos anti-idade. As súas propiedades eran ben coñecidas desde antigo na cultura oriental, pero a revolución a Galicia chegou hai un par de décadas da man de Hifas da Terra (HdT). A empresa con sede en Pontevedra botaba entón a andar grazas ao empeño dun equipo da Universidade de Santiago (USC) que quixo converter en realidade un proxecto de estudos. Os premios non tardaron en chegar, o último foi o que recibiu en 2016 de Alimentos de España como Mellor Produción Ecolóxica. O seu reto é converterse nun centro internacional de renome na investigación do cancro. Falamos con Catalina Fernández de Ana, fundadora e directora xeral de Hifas.

Que é Hifas da Terra?
É unha empresa que nace dun proxecto de 5º. de Bioloxía da USC. Eramos estudantes condenados a engrosar as listas do paro e, para evitalo, un profesor empeñouse en converternos en creadores de emprego a través da biotecnoloxía. Foi así como lle empecei a dar voltas á idea: tiña que ser algo totalmente innovador cunha forte base biotecnolóxica. Había que crear un produto que non existira no mundo ou mellorar con creces a calidade de calquera outro que houbera no mercado. Decidín inspirarme nalgo que coñecía desde pequena, os cogomelos. O meu pai foi investigador do Centro Forestal de Lourizán, ademais dun dos grandes divulgadores da micoloxía en Galicia e no resto de España. Ao profesor encantoulle aquela proposta, presentouna a un concurso nacional de novos empresarios e gañou o primeiro premio. Despois concorrería a outro da USC e tamén quedou en primeira posición. Xa que á xente lle gustaba tanto, en 1998 decidín fundar HdT. 

Por que producir en ecolóxico?
Como bióloga, para min non hai outro criterio que producir en ecolóxico. A terra estanos a dar cogomelos, unha materia prima cun alto valor engadido. O mínimo que podemos facer para agradecer este agasallo é coidar a natureza. Estamos inscritos no Craega desde o principio. Nos primeiros tempos non se coñecía, a xente non lle daba valor. Daquela pensábase que eramos biólogos hippies un pouco tolos que producían en ecolóxico.

Que beneficios  ten para a saúde a micoloxía?
Os cogomelos son os grandes limpadores do mundo: de solos, de augas e tamén dos humanos. A explicación é sinxela. O reino Fungi sitúase entre o vexetal e o animal; conviven as propiedades de ambos. De tal xeito, cando enferman, son capaces de autocurarse. Durante milleiros de anos de evolución, dotáronse de moléculas ou principios activos antivirales, anticanceríxenos e antibacterianos. Por que? Porque tiñan que defenderse de todo aquilo que os atacaba sen moverse do sitio. Esa gran capacidade de adaptación é a que permite que a súa inxesta nos converta en seres máis resilientes e con máis facilidade á hora de optimizar os ciclos metabólicos. Os fungos logran que o noso sistema inmunolóxico funcione mellor, serven para previr enfermidades e para mellorar cando padeces algunha doenza.

Están demostrados os efectos positivos dos fungos en tratamentos oncolóxicos?
Si, como concomitante. O tratamento principal sempre é o do hospital (quimioterapia, radioterapia, etc). A liña Mico-Onco Care de Hifas funciona como acompañamento para protexer de base o sistema inmunolóxico e os seus ciclos metabólicos. De tal xeito, o paciente non sofre tanto e tolera mellor a terapia convencional.

Isto emprégase de forma regular nas unidades de Oncoloxía ou é unha decisión do paciente?
É unha decisión do paciente. Nós non temos capacidade económica para funcionar como unha gran industria farmacéutica e establecer unha rede de distribución en centros de todo o país. Pero o futuro pode ir por aí. Temos liñas abertas para establecer ensaios clínicos en cancro en dous hospitais de Madrid e outros dous en Cataluña. E tamén estamos traballando con servizos médicos de Italia, Francia, Portugal, Reino Unido e EE. UU. O noso soño é ser un centro internacional de referencia na investigación do cancro.

Algunha outra liña de investigación aberta que non sexa a oncolóxica?
Estamos traballando en patoloxía neurodexenerativa (alzhéimer, párkinson e danos neuronais) e na rama veterinaria. Queremos que as propiedades dos cogomelos sirvan para axudar ás persoas, pero tamén aos animais. Por iso, HdT está a desenvolver un proxecto para disminuír a carga de antibióticos e de hormonas na alimentación animal.

Todas as liñas de produto de HdT están certificadas en ecolóxico?
Practicamente todas. Algunha non conta co selo porque nos vemos obrigados a empregar formulacións líquidas nas que temos que utilizar conservantes. Ás veces é só unha porcentaxe dun 0,25%, pero cando estás a preparar un produto para xente cun problema inmunolóxico forte, non podes arriscarte de ningunha maneira a que medre unha bacteria; neste caso é máis importante incorporar o conservante. Que conste que isto é un problema de certificación que debería cambiar.

Cal é o produto estrela de HdT?
O Mico Rei. É un produto que axuda a milleiros de persoas a calmar a ansiedade, o estrés… O fungo Reishi é un antiaging moi potente que modula as hormonas e iso reflíctese na pel, no cabelo ou nas unllas.

Que papel tivo a Administración no desenvolvemento de HdT?
O Igape acolleu o meu proxecto cos brazos abertos. Daquela era unha bióloga sen moita idea do que era montar unha empresa. Aceptáronme no programa Lanza e aí puiden formarme e aprender o que é o mundo dos negocios antes de botar a andar. A Xunta deunos moito apoio desde o principio e as subvencións foron moi importantes para empezar a saír fóra, en particular para acudir a feiras e participar en misións inversas.

Que precisa o sector ecolóxico galego para o seu despegue definitivo?
O primeiro que precisamos é crer en nós mesmos. Somos un país marabilloso, o tesouro de Europa.  Cando saes por aí fóra dáste de conta de que vivimos nun paraíso. Hai que evolucionar, atender as demandas do mercado e non quedar de brazos cruzados. Porque esa é a maneira de crecer e, con iso, podemos chegar a ser unha gran potencia ecolóxica mundial.