O Craega recolle o premio Aresa o 8 de marzo

Francisco López Valladares
Francisco López Valladares, presidente do Craega

O presidente do Craega, Francisco López Valladares, recollerá en Lugo o vindeiro 8 de marzo o premio Aresa. Dotado con 10.000 euros, o galardón recoñece a traxectoria dunha entidade que convertiu un modo de produción agraria e gandeira nun motor de desenvolvemento rural.

Organizado pola Universidade de Santiago e a empresa lucense que dá nome ao premio, o acto terá lugar no auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo ás 20 h. O exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva Rodríguez, impartirá a conferencia A produción ecolóxica. Dun mercado testemuñal a unha tendencia irreversible. Para rematar, haberá unha degustación con produto ecolóxico.

Todos os operadores do Craega están convidados á gala. Para asistir, prégase confirmar asistencia antes do seis de marzo a través do teléfono 982 222 400. A invitación pódese descargar aquí.

Axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade

Os agricultores que se adican á produción vexetal poden beneficiarse deste paquete de axudas

O venres 15 de febreiro de 2019 foi publicado no DOG (núm. 33 – Axencia Galega da Calidade Alimentaria) a resolución do 28 de xaneiro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e convócanse para o ano 2019 (código de procedemento MR362/A). A orde pódese consultar neste enlace

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, así como proceder a súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2019. Segundo especifica a orde, a alta no réxime de calidade ten que ser posterior ao 18 de novembro de 2015.

Artigo 4. Gastos subvencionables e contía das axudas:
1.- Serán subvencionables os custos fixos ocasionados pola inscrición nun réxime de calidade e a cota anual de participación no dito réxime, incluídos de ser o caso, os custos dos controis necesarios para comprobar o cumprimento do prego de condicións do réxime.

2.- A contía das axudas será do 100% dos gastos subvencionables realizados, sen superar os 3.000 € anuais por explotación, durante un período máximo de cinco anos.

3.- Non se tramitaran expedientes cuxa contía non supere os 50 €.

O prazo para a presentación das solicitudes comenzará o 16 de febreiro e rematará o 15 de maio de 2019Para a convocatoria de 2019, serán atendibles os gastos imputados á campaña que comprende o período que vai do 1 de maio 2018 ata o 30 de abril de 2019.

Xornada en Lugo para mellorar a produción do leite ecolóxico

Mellora da produción do leite ecolóxico en Galicia é o título da xornada gratuíta que terá lugar o venres 22 de febreiro en Lugo. Dirixida a gandeiros de vacún do Craega (ou en proceso de certificación), a actividade está organizada por Agronovo en colaboración co Consello. Na sesión abordaranse cuestións como os aspectos a ter en conta para garantir o benestar animal, así como os novos requisitos normativos. Neste sentido, haberá intervencións vencelladas á PAC e ás esixencias que entrarán en vigor o 1 de xaneiro de 2021. Tamén se falará sobre as vantaxes que o asociacionismo ten para os produtores de leite ecolóxico.

O programa arranca ás 10.30 h. no recinto feiral de Lugo coa acreditación dos participantes. O primeiro relatorio (11.15 h.) correrá a cargo de Isabel Blanco Penedo, da Swedish University of Agricultural Sciences (Suecia). Virá despois (12 h.) a quenda de Manuel Cancio Álvarez, director técnico do Craega. Disertará sobre a situación actual e os próximos cambios normativos do leite. O último relatorio (13 h.) será o de Xisela Fernández e Javier Villanueva, técnicos de Agronovo. Leva o título de Vantaxes dunha agrupación de produtores de leite ecolóxico.

O Craega mantén en 2018 a liña ascendente e, segundo os datos provisionais, pechará o exercicio cunha facturación superior aos 80 millóns de euros. A subida apóiase no incremento da superficie certificada (15%) e dos operadores (13%). A maior parte dos novos inscritos localízase na provincia de Lugo.

A inscrición é gratuíta. Basta con enviar un e-mail a info@agronovo.es ou ben chamar aos teléfonos 982246762 ou 678645549. Para descargar o programa completo, premer aquí.

Cocido reinventado e viños ecolóxicos do Craega en Xantar 2019

Craega - Xantar 2019
Diego Diéguez (Cume do Avia), esquerda, Natalia Rodríguez (Adegas Corisca), Javier García Lozano, secretario do Craega, e o chef Martín Mantilla

O Craega vén de poñer sabor ecolóxico a Xantar 2019. Os asistentes á cata de viño organizada o mércores 6 de febreiro na Aula Medio Rural tiveron a oportunidade de degustar un albariño eco da D.O. Rías Baixas mentres escoitaban as explicacións de Natalia Rodríguez, xerente de Adegas Corisca. Os participantes tamén puideron probar outra variedade certificada polo Consello, neste caso da D.O. Ribeiro. De contar os seus matices ocupouse Diego Diéguez, que está á fronte de Cume do Avia.

Para acompañar os caldos, o chef monfortino Martín Mantilla presentou na cidade das Burgas un cocido reinventado tanto no seu formato como nos ingredientes empregados. Elaborado a base de produtos ecolóxicos, de primeiro serviu un milfollas de lacón de porco celta con crema de queixo e pemento. Con cachucha, chourizo e garabanzos montou bombas de verdura sobre unha cama de puré de pataca. Para rematar, engadiu unha salsa con aceite de oliva e pemento. Tamén típico destas datas, o postre era unha filloa rechea de crema pasteleira.

Durante o transcurso do acto, Javier García Lozano, secretario do Craega, lembrou que o sector ecolóxico galego goza dunha excelente saúde. O Consello pechará o exercicio 2018 cunha facturación récord por riba dos 80 millóns de euros. Cuns ingresos de entre 20 e 25 millóns de euros, o lácteo é o subsector con máis peso. Certo é –recalcou- que o porco certificado, protagonista dos pratos de Entroido, é un produto novidoso que está a incrementar as vendas de forma importante nos últimos tempos.

A feira internacional de turismo gastronómico Xantar celebra este ano a súa vixésima edición. Permanecerá aberta ata o domingo 10 de febreiro. De periodicidade anual, conta coa cooperación de diferentes administración públicas e empresas privadas. O seu obxectivo é poñer en valor os produtos agroalimentarios a través de representantes do sector e chefs de renome.

O Craega leva o viño ecolóxico a Xantar 2019

Martín Montilla Rodríguez
O chef monfortino Martín Montilla Rodríguez

O Craega estará de novo en Xantar 2019, a feira internacional de turismo gastronómico que se celebra en Expourense do 6 ao 10 de febreiro. O viño será desta vez o protagonista da sesión dirixida por Javier García Lozano, secretario do Consello. Prevista para o mércores 6 (12.15 h., Aula Medio Rural), de impartir a degustación ocuparase o chef monfortino Martín Mantilla. Haberá caldos ecolóxicos da D.O. Rías Baixas (Acio de ouro nas Catas de Galicia 2018) e da D.O. Ribeiro. 

No programa da xornada de apertura, tamén se inclúen outras actividades promovidas pola Consellería de Medio Rural. Sonia Otero, membro do panel de cata das Augardentes de Galicia, conducirá unha degustación (12 h., Aula de Cata) do produto premiado nas Catas de Galicia 2018.

A quenda do mel chega pola tarde. Manuel Garea, membro do panel de cata dos Meles de Galicia, explicará as características do mel recoñecido na Cata de Galicia 2018 (19 h., Aula de Cata). Para pechar a sesión, haberá outra degustación dos viños tintos galardoados cos Acios de ouro en 2018. Impartida pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) terá lugar na Aula de Cata (20 h.).

Baixo o paraugas de Medio Rural, haberá outras actividades espalladas en diferentes días de Xantar 2019. Queixos, meles, viños, augardentes e licores serán os ingredientes estrela de varias degustacións ata o sábado 9.

A feira Xantar celebra este ano a súa vixésima edición. De periodicidade anual, conta coa cooperación de diferentes administracións públicas e empresas privadas. O seu obxectivo é poñer en valor os produtos agroalimentarios a través de representantes do sector e de chefs de renome.