O Craega, gañador do premio Aresa 2019

De esquerda a dereita, Montserrat Valcárcel, Álvaro Rodríguez, Antonio López, José Manuel Silva e Carlota López, tralo fallo do XIX Premio Aresa

O Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) é o gañador do premio Aresa 2019, convocado pola empresa lucense do mesmo nome en colaboración coa Universidade de Santiago (USC). O xurado recoñece así a traxectoria dunha entidade que convertiu un modo de produción agraria e gandeira nun motor de desenvolvemento rural, tanto na comunidade como no conxunto de Europa.

Na elección da candidatura tíveronse en conta a súa capacidade para xerar postos de traballo de calidade no rural e a posta en valor de produtos da terra. Neste sentido, especial relevancia se lle deu ao papel do Craega na recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais con potencial para innovar.

O xurado do XIX Premio Aresa estivo integrado polo reitor da USC, Antonio López Díaz; a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva Rodríguez; o director xeral de Capsa Food, José Armando Tellado Nogueira; e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras.

Con recoñecido prestixio no sector, en anteriores edicións resultaron galardoados o profesor da USC Javier Guitián, a Aula de Produtos Lácteos ou a Facultade de Veterinaria (Campus de Lugo). Tamén recibiron o premio IXP Ternera Gallega, o programa de TVG O Agro-Labranza ou a D.O. Ribeira Sacra, entre outros.

O 8 de marzo celebrarase unha gala na Facultade de Veterinaria (Campus de Lugo) na que se lle fará entrega do premio -10.000 euros- ao Craega.  

Cumio de produtores de leite ecolóxico en Asturias

Vaca frisona, principal raza produtora de leite

O sector do leite ecolóxico darase cita o próximo febreiro en Villaviciosa (Asturias) para poñer en común as últimas novidades neste eido. Organizado polos propios produtores, na anterior edición –celebrada en Cantabria- reuníronse máis de medio centenar de gandeiros.

O programa do III Encontro de Produtores de Leite Ecolóxico arrinca o sábado 9 no Centro Cultural San Xoán de Capistrano cunha xornada sobre a situación do sector no Principado (09.15 h.). Case en paralelo (09.30 h.) darán comezo os obradoiros de debate. Como colofón (12 h.), presentaranse as conclusións da primeira sesión. Xa pola tarde, está previsto visitar dúas ganderías da zona: Casería La Madera ( 15 h.) e Jairo (17 h.).

O domingo 10 os participantes expoñerán o seu balance dos obradoiros de debate (09.00 h.), realizarán unha valoración do cumio e poñerán sobre a mesa os vindeiros retos (11 h.). Un xantar de confraternidade (14.30 h.) poñerá o broche de ouro ao encontro.

En Galicia, as inscricións poden formalizarse en info@xangalicia.com ou no teléfono 620806414.