Convocada a IV edición dos premios “EcoeLabora-SEAE”

A Sociedad Española de Agricultura Ecológica/Agroecología (SEAE)  publicou as bases da IV edición dos premio EcoeLabora á xeración e xestión do coñecemento e a innovación en agroecoloxía e produción ecolóxica.

Con estes premios, quérese recoñecer a aquelas persoas ou entidades ( elaboradores, agricultores, comercializadores, promotores do consumo, técnicos asesores, investigadores, e autoridades competentes ou de control) que contribúen a desenvolver este modelo Agroecológico e de xestión dos agrosistemas que reúne a produción de alimentos de calidade e a conservación de recursos naturais, considerando a agricultura e a gandería ecolóxica como motor esencial para enfrontar os retos que ten expostos o sector tales como: a conservación e mellora da biodiversidade, a mitigación/adaptación do cambio climático, a soberanía alimentaria, a escaseza de auga e o desenvolvemento rural sustentable e a paisaxe.

A entrega de premios realizarase o 15 de novembro, durante o XIII Congreso de Agricultura Ecológica de SEAE.

Para máis información podes consultar a convocatoria na web da SEAE Convocatoria premios Ecoelabora 2018

 

Os alimentos ecolóxicos, percibidos como máis seguros e de mellor calidade que os convencionais

Tan só o 14% dos consumidores españois recoñece o logo de agricultura ecolóxica. Este e outros datos e opinións da cidadanía europea e española ao redor da agricultura, e á agricultura ecolóxica, foron recollidas pola Comisión Europea no Eurobarómetro especial “Europeos, Agricultura e PAC”. En Europa, o coñecemento do logo sitúase no 27%, e creceu en 5 puntos desde 2015, data do anterior Eurobarómetro, mentres que en España só o fixo nun punto.

A gran maioría das persoas enquisadas coincide en considerar os alimentos ecolóxicos máis caros que os convencionais, algo que opina o 90% dos europeos e o 91% dos españois. Tamén está moi xeneralizada a opinión de que son máis seguros, apoiada polo 70% dos europeos e o 75% dos españois, e de mellor calidade, segundo un 72% dos europeos e un 77% dos españois enquisados. En canto ao seu proceso de produción, o 79% dos europeos e o 76% dos españois afirma que están obtidos facendo un uso moi restrinxido de pesticidas, antibióticos ou fertilizantes. Ademais, percíbese que na súa produción utilizáronse mellores prácticas ambientais (78% dos europeos e 75% dos españois), e cuns maiores niveis de respecto polo benestar animal (76% de europeos e 73% de españois).

A sensación de ter ou non un fácil acceso aos produtos ecolóxicos varía de forma importante entre os distintos países europeos. Así, un 68% dos españois enquisados afirma que son difíciles de atopar nos supermercados, tendas e mercados da zona na que vive, unha porcentaxe só superada por Romanía, onde un 70% dos enquisados percibe esa dificultade. Fronte a eses datos, en Dinamarca tan só o 13% considera difícil atopar alimentos ecolóxicos nos seus puntos de venda próximos, mentres que en Francia e Holanda a cifra sitúase no 18%.

O eurobarómetro preguntou tamén ás persoas enquisadas sobre a responsabilidade social dos agricultores. Prover alimentos seguros, saudables e de alta calidade é a súa principal responsabilidade para un 55% dos europeos e un 50% dos españois. Asegurar o benestar dos animais é máis importante para os europeos que para os españois: un 28% de europeos sitúaa entre as principais responsabilidades dos agricultores, fronte a un 18% de españois, que dan maior importancia ao labor dos agricultores para protexer o medio ambiente e combater o cambio climático (31% dos españois fronte a 25% dos europeos) e á súa contribución para crear emprego e crecemento nas zonas rurais (32% da españois fronte ao 18% dos europeos).

Outro dos aspectos abordados polo Eurobarómetro son as opinións da cidadanía sobre as prioridades de investigación e innovación no sector agroalimentario. Para un 26% dos europeos e un 21% dos españois, unha das prioridades é apoiar enfoques ecolóxicos en agricultura.

Máis da metade dos españois compra alimentos ecolóxicos.

O mercado de produtos ecolóxicos continúa crecendo en España a bo ritmo, segundo o informe de IRI sobre consumo ecolóxico en 2017, que apunta a un crecemento das vendas superior ao 20% tanto en volume (22%) como en valor (24%). A pesar diso, o informe matiza que o mercado segue sendo pequeno, e sitúa o seu volume de vendas en 230 millóns de euros.

Segundo os datos recolleitos neste traballo, o 52% dos españois compra produtos ecolóxicos, unha cifra moi próxima á europea, onde a porcentaxe é do 53%. Con respecto aos anos anteriores, os compradores españois han aumentado o consumo de produtos ecolóxicos en menor medida que os europeos (23% fronte a un 34%), pero presentan un maior crecemento da intención de compra de produtos ecolóxicos para os próximos meses (29% fronte ao 21% do conxunto de Europa).

Hipermercados e supermercados representan a principal canle de compra, e a eles acoden o 72% dos consumidores. Séguenlles as tendas ecolóxicas (30%), tendas ecolóxicas na internet (9%), farmacias (5%), mercadillos (5%), granxas (5%) e outro tipo de tendas (4%).

Por familias de produtos, o informe (que non inclúe o dato relativo a froitas e verduras) sinala que o 43% das vendas totais de produtos ecolóxicos corresponde a ovos; o 26% a lácteos, derivados e queixos; o 14% a alimentación seca; o 14% a bebidas ecolóxicas, e o 3% a conservas ecolóxicas.

Fonte: La Fertilidad de la Tierra

XORNADAS FORMATIVAS ORIENTADAS Á PRODUCIÓN ECOLÓXICA

O vindeiro mes de setembro impartiranse as xornadas de “Mellora das superficies extensivas para a produción ecolóxica mediante o uso da metodoloxía de liña clave e técnicas de permacultura”

Horario: 25-26 setembro, 09:30 a 19:00

Lugar: Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos.

Descargar a folla de inscrición

Aprender as ferramentas de rexeneración do solo permite comprender a importancia do deseño para a captación, almacenamento e xestión óptima das augas pluviais, manexo do gando e vixilancia das parcelas para asegurar a súa viabilidade e a produtividade destas terras, e así lograr unha base de soporte humano que vaia máis aló da sustentabilidade. Sendo a auga o elemento máis importante dentro de todo proxecto agronómico e de calquera desenvolvemento humano, o estudo detallado da xestión hidrolóxica dun terreo é indispensable para desenvolver unha agricultura ou gandería permanente a longo prazo.

No curso explicaranse as condicións indispensables para rexenerar o solo,“ler” a topografía natural da paisaxe e utilizar a súa forma e contorno para determinar o deseño e posición de represas, gabias de infiltración, desaugadoiros, áreas de irrigación, camiños, valos, cortellos, currais, casas e liñas de árbores. Analizarase a utilidade das curvas de nivel e as curvas a desnivel e aprenderase a marcalas no terreo a través dunha práctica de campo.

Durante o curso realizaranse prácticas de campo co uso de instrumentos de precisión topográfica como o nivel láser (para o deseño de propiedades a gran escala), así como o uso de instrumentos tan sinxelos como o nivel de mangueira (para propiedades a pequena escala).

Ademais, demostrarase o uso do apeiro Yeomans (se fose posible), co que se poderán ilustrar os patróns “Keyline” de cultivo, así como os beneficios deste tipo de apeiro, co cal é posible cultivar a terra sen volteala, descompactala, eliminar malas herbas, inxectar microorganismos directamente á terra, sementar e aplicar compost, todo cunha soa pasada do tractor.

O apeiro Yeomans ara a terra en profundidade rompendo a compactación, pero sen voltear a terra na superficie: esta é a clave para restaurar solos degradados e incrementar a profundidade do solo fértil, que é capaz de fixar grandes cantidades de carbono estable.

Os participantes neste curso adquirirán unha visión ampliada do que significa a agricultura rexenerativa, isto é, a produción de alimentos sans para todos; de forma que se incremente a soberanía alimentaria e a rendibilidade para os produtores. Tamén adquirirán as ferramentas para analizar a topografía dun espazo, definir puntos e liñas clave, así como deseñar espazos fermosos que poidan reter auga, construír un solo fértil, capturar carbono, reducir gastos e multiplicar producións.

O patrón de plantación marcará a diferenza entre un espazo que perde solo fértil coa escorrentía cada vez que chove e outro que aproveita cada pinga para aumentar a súa fertilidade e polo tanto a súa produtividade.

Curso dirixido a agricultores, gandeiros, silvicultores, técnicos agrícolas e, en xeral, a xestores de terreos públicos ou privados, asesores e técnicos da Administración.

O curso será impartido por Jesús Ruíz, experto en deseño de parcelas con liña clave con manexo hidrolóxico, ademais de ser topógrafo e formador en agroecoloxía.

Programa

Martes e mércores, 25 e 26 de setembro 2018

Horario: 9.30 h – 19.00

Sesión 1. Introdución. O solo como organismo vivo. O problema da erosión e o estrés hídrico.

Sesión 2. Introdución á topografía.

Sesión 3. Prácticas de campo. Introdución aos tipos de niveis: nivel de man, bunyipou mangueira, láser.

Trazado de curvas a nivel con nivel de mangueira. Trazado con nivel láser. Equidistancias entre curvas de nivel.

Como crear un mapa cun GPS de man ou Smartphone e un nivel láser ou de mangueira.

Sesión 4. Práctica de campo. Introdución á liña clave, curvas a desnivel.

Sesión 5. Introdución ao Keyline, a escala de permanencia.

Sesión 6. Maquinaria para a rexeneración de solos. Exemplos de deseños en España e Portugal

Sesión 7. Práctica de deseño, estudo de planos topográficos. Práctica de deseño, decodificación de terreos e determinación de liñas clave. Deseño de terreos, asignación de áreas de captación con madeirables, infiltración con froiteiras, rega con cultivos anuais e aproveitamento con autóctonas. Deseño de viñedos e outras leñosas.

Sesión 8. Entrega de deseños, preguntas e respostas.

Inscricións no teléfono 982 40 53 00, no fax 982 41 60 30 ou no correo electrónico craega@craega.es antes do día 21/09/2018, debendo xuntar o formulario que se achega. No caso de inscrición telefónica, debe presentar o formulario orixinal asinado o día da xornada.

Presentación oficial das feiras Ágora Verde en Lugo

Onte celebrouse o acto de presentación oficial das feiras Ágora Verde na deputación de Lugo.

O Craega deu a coñecer os datos económicos da provincia e confirmou as vindeiras feiras deste Verán ( Monforte de Lemos, Viveiro e Lugo).

Na mesa estiveron presentes o presidente do Consello, Francisco López Valladares; o seu secretario, Javier García; o vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández; a alcaldesa, Lara Méndez López; o alcalde de Monforte, José Tomé, e o concelleiro viveirense Jesús Fernández.