xullo
“UNA ALIMENTACION SANA ES PREVENIR EL CÁNCER”
• O C.R.A.E.GA., dentro das actividades formativas de 2009, participou na charla “UNA ALIMENTACION SANA ES PREVENIR EL CÁNCER” • Máis de 100 persoas asistiron ó evento organizado pola Asociación Española Contra o Cáncer no que colaborou o CRAEGA. •
21 de xullo de 2009
O C.R.A.E.GA, colaborou coa Xunta Comarcal do Salnés da Asociación Española Contra o Cáncer, o pasado 10 de xullo de 2009, impartindo unha charla na Xornada “Una Alimentación Sana es Prevenir el Cáncer”.
Dita xornada estivo dirixida ó consumidor final e tivo como obxectivo principal concienciar á poboación galega sobre o consumo de produtos ecolóxicos.
Xa estea motivado pola preocupación pola saúde, ou pola conservación do medio ambiente, o consumo de produtos ecolóxicos está a crecer en Galicia.
Durante a Xornada celebrada no Náutico de Sanxenxo informouse dos beneficios e vantaxes de consumir produtos ecolóxicos.
Manuel Mª Cancio Álvarez, Persoal do Órgano Técnico do CRAEGA faloulles ós asistentes sobre o proceso de certificación. Comentou que a certificación “é o respaldo legal que autentifica a procedencia dun produto con indicativo ecolóxico; é un garante da calidade do produto que implica á totalidade do proceso produtivo”
Chus Garza Mariño, Responsable de Comunicación do CRAEGA, fixo unha breve análise da situación da agricultura ecolóxica en Galicia.
Apuntou que actualmente o consumo de alimentos ecolóxicos implica sen dúbida "un aforro" para a saúde dos consumidores. “Estase a producir un cambio nos hábitos de consumo actuais xa que a xente prefire alimentos sans, sostibles e seguros. A xente está aprendendo a valorar con que se alimenta, porque somos o que comemos, e cada vez hai máis persoas que non queren consumir alimentos lixo.”
Por último, comentou os resultados de estudos científicos que avalan que os alimentos ecolóxicos conteñen máis antioxidantes, minerais e vitaminas que os convencionais.
A doutora Maria De Los Angeles Pereira Ruibal, falou da importancia que ten levar unha dieta equilibrada como medio de prevención do cancro.
Comentou que un alto consumo de froitas e verduras está moi relacionado coa redución de distintas orixes do cancro.O consumo destes alimentos ofrece protección contra o cancro a través do aporte de compoñentes tales como os antioxidantes.
Por último Reyes Mariñas Martínez, presidenta da Asociación contra o Cancro do Salnés, apuntou que os alimentos ecolóxicos e a prevención do cancro forman “un binomio perfecto”.
Unha vez rematada a xornada o público asistiu a unha degustación de produtos ecolóxicos certificados polo CRAEGA servida, no marco incomparable do Náutico de Sanxenxo, polo Hotel Sanxenxo.



