fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Galicia, a comunidade autónoma cos mellores datos en acuicultura ecolóxica

No marco do I Congreso da Acuicultura Ecolóxica de Galicia, celebrado o pasado xoves 23 de novembro no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela, gozamos de varias exposicións da man de diversos expertos. Na primeira delas, impartida por José Miguel González, expúxose, entre outros aspectos, o número de explotacións de acuicultura ecolóxica nas diferentes comunidades autónomas, ademais dos datos de produción. Estas cifras de 2022, as máis recentes ata o día de hoxe, foron extraídas do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

 

Número de explotacións

Sabías que Galicia é a comunidade autónoma que máis explotacións de acuicultura ecolóxica ten? 144 de mexillón, 14 de algas silvestres e 1 de algas de cultivo. En total, 159. Cabe resaltar que o total nacional é de 169 e que a comunidade autónoma que segue a Galicia en canto a número de explotacións é Asturias, con 3. É dicir, en Galicia atópanse o 94 % das actividades de acuicultura ecolóxica de España.

A pesar de que para o período 2013-2022 o número de actividades en acuicultura ecolóxica en España creceu en torno a un 225 %, aínda queda moito traballo por facer. Porén, o caso de Galicia podería ser un referente a seguir para poder continuar por ese camiño.

Sabías que Pontevedra é a provincia galega na que máis actividades hai de acuicultura ecolóxica? O dato está en 134, seguida pola Coruña, con 10. Non existen explotacións na provincia de Lugo nin na de Ourense.

 

Produción rexistrada

Sabías que Galicia é a única produtora de mexillón ecolóxico en toda España? A cifra rexistrada é de 2144,2 toneladas de peso vivo. En relación ás algas silvestres, anota 625,5, seguida por Asturias, con 415,7. Nas algas de cultivo, marca 10,4. O total de toneladas en Galicia, entre algas e mexillóns, é de 2780,1, seguida de máis preto por Asturias, con 426,3. Cabe resaltar que o total nacional é de 4023,4 toneladas de peso vivo. Polo tanto, a achega de Galicia é considerable, sendo a primeira en comparación co resto. De feito, o 69 % da produción total de peixes, moluscos, crustáceos e plantas acuáticas de toda España está en Galicia.

Outro dato máis: a produción de peixes, moluscos, crustáceos e plantas acuáticas en España para o período 2013-2022 creceu en torno ao 206 %. Así pois, obsérvase un avance significativo na última década, que haberá que superar co paso dos anos.

Sabías que de novo, Pontevedra, é a provincia galega na que máis toneladas de peso vivo se producen? 2011,4. A Coruña séguea con 132,8.

 

Actividades industriais

Sabías que Galicia rexistra unha cifra superior con respecto ás outras comunidades autónomas na actividade industrial de elaboración e conservación de pescados, crustáceos e moluscos? En total, 43, seguida por Cantabria, con 15. Este tipo de actividades en España, para o período 2013-2022, creceron un 119 %. O total nacional é de 92, polo tanto, a achega de Galicia volve a ser significativa: o 46,7 % de todas as actividades industriais de elaboración, conservación de pescado, crustáceos e moluscos, están en Galicia.

 

Na búsqueda dun futuro mellor

Os vindeiros pasos a seguir, tanto por parte de Galicia como polo resto das comunidades autónomas pertinentes, deben ir nunha dirección de mellora. Aumentar o número de explotacións de acuicultura ecolóxica e tamén as toneladas de produción son os obxectivos a acadar nos vindeiros anos. Sexamos Ecolóxicos a Mares!

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.